
A proba realizada foi a de tres puntos de presión, que consiste en colocar o smartphone sobre dous puntos fixos, e aplicarlle forza nun terceiro punto (no centro do móbil) para comprobar a forza precisa para deformar o terminal e tamén a que sería precisa para que se producise unha separación da carcasa. Os dispositivos sometidos á proba serían os iPhone 5, 6 e 6 Plus, o último HTC One, o LG G3 e o Samsung GALAXY Note 3.
As probas de resistencia realizáronse partindo dun peso de 10 libras (4,54 quilogramos) durante 30 segundos, incrementando a forza en chanzos de 10 quilos, rexistrando o momento no que o smartphone comeza a dobrarse e rematando cada proba cando a pantalla se desprende da carcasa. Curiosamente varios dos dispositivos continuaron a funcionar despois de seren sometidos a semellante agresión.

Nunha categoría de resistencia moi diferente xa se situaría o LG G3, que pese a ter un tamaño moi xeneroso, soportaría 130 libras (58,97 quilos), aínda que o Samsung GALAXY Note 3 aínda chegou máis aló, tolerando 150 libras (68.04 quilos), converténdose en todo un exemplo de resistencia pese ao seu tamaño.

O feito de que os novos iPhone sexan máis doados de dobrar que outros tabletófonos non debería ser preocupante, pois nun uso normal é practicamente imposible someter a estes teléfonos ás presións que leven á súa deformación (aínda que cómpre lembrar que transportar o teléfono no peto traseiro dun pantalón non é recomendable nin está considerado precisamente un uso normal, xa que si podería expor a un terminal a unhas agresións externas máis que considerables, con independencia de que esteamos ante un iPhone ou ante calquera outro smartphone).
Pero non só a prensa especializada está a falar do polémico BendGate, senón que incluso o
ilusionista Uri Geller atreveuse a facer declaracións ao respecto,
asegurando que os novos smartphones de Apple poderían chegar a dobrarse por mor
da “enerxía e a excitación dos 10 millóns de persoas que mercaron os iPhone,
espertando os seus poderes mentais e provocando que se dobraran os teléfonos”.
Geller incluso insta a Apple a que o contraten para explicar ao mundo que a
posibilidade de dobrar os seus trebellos non é culpa súa, senón que incluso
sería posible dobrar un vello terminal de BlackBerry coa mente, para o que o psíquico
distribuíu unha fotografía para demostralo:
Rapazada nunha Apple Store
Para contribuír a todos este rebumbio, tamén está a dar moito que falar un vídeo gravado por un par de rapaces nunha Apple Store no que demostran que pode dobrarse un iPhone 6 Plus coas propias mans:
Loxicamente este tipo de comportamentos está a provocar preocupación, xa que estragar dispositivos electrónicos nas tendas só para verificar en persoa o que se comenta na Rede non é nin de lonxe un comportamento aceptable, xa que provoca danos económicos significativos. Os propios autores do vídeo desculpáronse en liña e aseguran que, de recibir unha reclamación por parte de Apple, farán todo o posible para reparar os danos, aínda que non lles resultaría doado xa que só teñen 15 anos.

