Apple está xa a remitir as invitacións para unha presentación que terá lugar a semana que vénOs rumores relativos a Apple parecen confirmarse progresivamente, e a información de Recode que databa no 16 de outubro a vindeira keynote confírmase, pois Apple xa está a remitir invitacións para o seu novo evento, que baixo o lema de “It’s been way too long” convoca aos medios ao seu campus en Cupertino, nun auditorio dun tamaño moi inferior ao empregado para a presentación dos novos iPhone 6, xa que estariamos ante unha presentación de menor impacto. O novo iPad Air contaría con Touch IDEspérase que o día 16 sexa a data empregada para o lanzamento oficial de OS X Yosemite, así como a presentación de novos dispositivos que, como mínimo corresponderían a novos modelos de iPad Air que incluirían lector de pagadas dixitais, o que non só podemos ver no código da última versión de proba de iOS 8.1, senón que tamén pode apreciarse claramente nas fotografías que vén de publicar o blog vietnamita Tinhte nas que podemos ver os detalles dos que dan en chamar iPad Air 2, e que non só destacaría polo Touch ID, senón que incluso chegaría a ter un grosor inferior ao seu predecesor, pasado de 7,5 a 7 milímetros, na liña do deseño dos novos iPhone. As informacións que apuntaban a un futuro iPad de 12,9 polgadas continúan a coller forma, pero o novo produto podería tardar en lanzarse, xa que os últimos detalles filtrados indicarían que non se trataría realmente dun dispositivo con iOS 8.1, senón que integraría un sistema operativo híbrido entre OS X e iOS, o que suporía un importante avance de cara aos usos do tablet para labores de produtividade. Outros produtos que poderían presentarse a semana que vén serían os agardados iMac con pantalla retina (dos que tamén hai numerosas evidencias do seu desenvolvemento) e non se desbota que puidesen aproveitar a ocasión para presentar pequenas melloras nos portátiles de Apple (aínda que estas poderían quedar en actualizacións silenciosas como fixeron noutras ocasións, xa que os procesadores de Intel que permitirían dar un importante salto de potencia aínda non estarían dispoñibles).