A marca Apple está de máxima actualidade estes días, non só porque veña de estrear smartphones e estea a piques de renovar os seus tablets, senón porque a nivel global vén de marcar cos novos fitos: consolídase como a marca máis valiosa do mundo e mellora posicións no mercado dos equipos informáticos.
Quinto fabricante mundial de ordenadores
Os datos de IDC sobre a colocación no mercado de equipos informáticos durante o terceiro trimestre de 2014, nos que se rexistraron 78,5 millóns de equipos (o que supón unha caída interanual de só do 1,7%, cando prevíase que o descenso fose do 4,1%), confirman que Lenovo, HP e Dell acadan unhas boas vendas, mentres que Acer conseguiu manter a súa cuarta posición en vendas tras medrar un 11% en vendas (xa que tivera uns resultados bastante febles no mesmo período de 2013), o que non puido conseguir Asus, compañía que non está a reaccionar ben ao novo contorno, vendo como tivo que ceder os seu quinto posto a Apple, compañía que conseguiu vender 4,98 millóns de unidades, grazas en boa medida por reducir a barreira de entrar aos seus equipos con prezos cada vez máis axustados.
A marca máis valiosa do mundo
Pero aparte do mercado informático, Apple tamén destaca como marca global un ano máis, recibindo unha valoración de 118.900 millóns de dólares segundo a clasificación de marcas globais elaborada por Interbrand anualmente, seguida por Google cunha valoración de 107.430 millóns de dólares.
Compre lembrar que a marca que tradicionalmente era líder, Coca-Cola, non consegue superar aos xigantes tecnolóxicos, aínda que o seu valor de marca consegue pórse por diante de IBM e Microsoft. Neste ranking elaborado por Interbrand destacou este ano Amazon, que foi a marca que máis medrou este ano nas primeiras posicións chegando ao posto 15, pouco despois de marcas como Disney e Cisco, e superando a Oracle e HP.
Como vén a ser habitual, Interbrand tamén destaca a unha marca española na súa listaxe, Zara, que conseguiu un máis que digno posto 36 cunha valoración de 12.126 millóns de dólares. A seguinte marca española que figuraría na listaxe sería o Banco Santander, cunha posición bastante máis modesta (a 75).

