Como apuntabamos dende Código Cero, a pasada semana, do 29 ao 31 de outubro celebrábase en PALEXCO (Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña) a sexta edición das xornadas GSickMinds, un encontro internacional de hackers organizado polo GSIC (Grupo de Seguridade da Información da Coruña). Ao seu acubillo, vinte expertos en seguridade informática e programación web compartiron durante as xornadas os seus coñecementos e experiencias para facer máis sinxela e segura a navegación por Internet dos usuarios. Deste xeito, preto de novecentos participantes nesta sexta edición de GSickMinds tiveron a oportunidade de conversar con expertos internacionais en materia de seguridade da información e programación web.
Estes hackers, entusiastas e profesionais de seguridade da información (non ciberdelincuentes como os define a última edición do dicionario presentado recentemente pola RAE), coincidiron na Coruña en afirmar que unha das principais características do seu labor diario é traballar a prol “dunha doada e segura navegación por Internet”.
Estiveron presentes neste encontro Javier Rodríguez (do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil), Luis Jurado (letrado especialista en novas tecnoloxías), Caridy Patiño (de Yahoo!), Marc Rivero (de Seifreed), Alberto Ferreiro (de Mozilla), Richard Pack e John Buckanan (de Salesforce), Juan Garrido (de Inno Tec) ou Lord Epsylon (de hacktivistas).
A representación galega correu a cargo de Diego Ferreiro e Ángel Prado que están a traballar como enxeñeiros de seguridade na sede central de Salesforce en San Francisco e Jesús Pérez en Filterly.
Nesta xuntanza fíxose especial fincapé no uso de contrasinais non evidentes, no uso de distintos contrasinais segundo o tipo de aplicacións ás que se acceda, ignorar correos que solicitan información bancaria, desconfiar de páxinas non coñecidas con ofertas sospeitosas, utilizar aplicacións oficiais para o móbil ou procurar escribir o enderezo completo no navegador… estes consellos poden ser de axuda á hora de protexer as nosas credenciais en Internet.
Até vinte expertos en seguridade e programación participaron no encontro internacional GSickMinds
Compartir Este Artigo
