Este martes presentouse en Ourense unha innovadora aplicación para espertar o interese polo coñecemento, o espírito emprendedor e o alento creativo entre os nosos rapaces. Trátase de Applícate o conto, ferramenta para Android elaborada por Nelson Martínez Araújo no marco dun módulo de desenvolvemento de aplicacións e dispositivos cursado no Centro Integrado de Formación Profesional A Carballeira-Marcos Valcárcel. A ferramenta, ademais, acubilla unha serie de personaxes e narracións (cos personaxes como protagonistas) deseñados polo alumnado do Centro Público Integrado Virxe da Saleta, de Cea, orientado polo seu profesor Martiño Ramos Soto.
A aplicación resultante, en palabras dos seus responsables, diríxese a integrar (polo vieiro de persoeiros e relatos de interese para os máis novos) todas as competencias clave (comunicación lingüística, matemática e tecnolóxica, dixital, competencias sociais e cívicas) ao tempo que se promove o espírito emprendedor e a iniciativa creativa entre a rapazada.
Na presentación celebrada este martes participou o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, que felicitou a todas as alumnas e alumnos participantes, así como ás súas familias polo apoio e motivación prestados. Vázquez Abad tamén quixo agradecer ao profesorado implicado o seu esforzo, iniciativa, e responsabilidade. No acto participaron, ademais de Nelson Martínez e os escolares e familias do CPI Virxe da Saleta, o delegado da Xunta na provincia de Ourense, Rogelio Martínez; o director do CIFP, Vicente Ribao; o do CPI, Valentín Tomás Castellano; e mais a xefa territorial da Consellería na provincia de Ourense, Mercedes Gallego, entre outros asistentes
Applícate o conto, sinala a Consellería de Educación, ten potencial de abondo como para contribuír ao fomento “do traballo en equipo, o entendemento e a creatividade, ao tempo que axuda aos rapaces a adquirir competencias dixitais imprescindibles na sociedade actual”. >>>
Presentada unha app feita por rapaces de Cea para fomentar a creatividade
Compartir Este Artigo
