O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) informou esta semana de que xa está aberto o prazo para inscribírmonos en calquera dos cursos do que ofrece durante o primeiro trimestre de 2015, un programa que inclúe ata 17 accións formativas a realizar entre xaneiro e marzo con 315 prazas para alumnos/a. Segundo engaden fontes do centro, hai novidades a ter en conta na axenda formativa. De feito, no eido da xestión de iniciativas TIC, introdúcense por vez primeira dúas edicións do curso de dirección de proxectos informáticos, e coa opción de realizarmos de balde a certificación PMP.
Dentro do mesmo ámbito, tamén se incorpora unha edición do curso de Prince2 Foundation, ofertándose unha segunda edición con 20 prazas, novidade do itinerario formativo Cisco, CCNA routing & switching, que se impartirá con metodoloxía semipresencial.
Na área de programación e desenvolvemento a oferta é “ampla e variada”, explica o CNTG, e abrangue tecnoloxías de diversos fabricantes e solucións de mobilidade: desenvolvemento de aplicacións móbiles con PhoneGap, desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles con Java e Android, desenvolvemento de aplicacións móbiles con ASP .NET MCSD web apps, e programación avanzada con JavaScript MVC.
Tamén haberá un importante oco para Big Data e, neste senso, o centro brinda para este trimestre a realización do curso de analista de datos e HBase Cloudera (20 prazas). Igualmente, e ligando coa cuestión do deseño de software, haberá dúas edicións (40 prazas) do curso de control de versións con GIT e unha acción formativa aberta a 20 alumnos/as sobre técnicas áxiles no desenvolvemento de software (automarización, revisións, probas e refactorización).
Na área de sistemas, o CNTG confirma a súa aposta por Linux e por LPI ao incluír na grella formativa dúas edicións (35 prazas) do curso de adminisitración avanzada Linux LPI2, “se cadra o de maior aplicabilidade laboral dos que configuran o itinerario formativo deste instituto”, engaden fontes do centro, que tamén incorpora unha edición de administración automatizada de sistemas con MS PowerShell para a administración e automatización de tarefas en servidores Windows Server e un curso de desenvolvemento avanzado de solucións para a nova versión SharePoint 2013.
Podemos consultar as fichas completas dos cursos e/ou inscribirnos neles no apartado de formación da web do CNTG.
Xa podemos inscribirnos en calquera das 17 accións que prepara o CNTG para o arranque de 2015
Compartir Este Artigo
