Os responsables da multiplataforma para a creación de ferramentas móbiles AppsBuilder veñen de avaliar en detalle a situación actual do mercado tecnolóxico dos servizos de localización. Segundo fan saber, este tipo de servizos teñen a día de hoxe “un valor potencial de 16.000.000.000 de euros segundo as tendencias e as taxas de crecemento do sector”. Para os autores da investigación, está máis que claro que tanto no presente como nos anos vindeiros resultará máis rendible para as empresas xeolocalizar con aplicacións móbiles os seus produtos e servizos, moito máis que seguir os modelos máis tradicionais de empregar escaparates web. Segundo o seu estudo, as apps xeolocalizadas acadan ata un 25% máis de conversións fronte ao 1% das páxinas web. En definitiva, o número de clics que se conseguen a través das primeiras é moi superior ao que guindan as segundas.
Para a plataforma AppsBuilder, as técnicas de mercadotecnia baseadas na localización son “clave para as empresas no momento de ofrecer ao usuario o que desexa xusto no momento e no lugar exacto”. Entre os servizos baseados nisto e que achegan máis potencial, os responsables da investigación salientan a técnica do xeotargeting, que é un xeito innovador (baseándose nun estudo da contorna xeográfica do cliente) de aplicar a vella máxima de saírmos á rúa a buscar clientes dos nosos produtos ou servizos. Tamén destacan a práctica do xeofencing, que serve para detectar cando un usuario afín a un produto ou servizo está preto das instalacións das empresas que os crean ou os distribúen, enviándolle unha mensaxe e avisándoo para que atope máis rápido o que lle interesa.
As apps xeolocalizadas acadan ata un 25% de conversións fronte ao 1% das web
Compartir Este Artigo
