Esta fin de semana, quen queira redes e coñecementos compartidos, vainos ter. Falamos da festa LAN Uxianet 1.4, cuarta edición, que se celebra na Casa da Xuventude de Ribeira e que, en palabras dos organizadores, constituirá a consolidación definitiva da xuntanza a nivel galego. A proba disto: todo apunta a que se vai acadar a “significativa cifra” dos cen participantes. A cita foi presentada este martes polos concelleiros de Xuventude e Novas Tecnoloxías, Aroa Fernández e Emilio Pérez, amais de por tres representantes da asociación Birus (Gustavo Llovo, presidente; Hadrián Lorenzo, secretario; e Fernando Ferro, tesoureiro), colectivo responsable en boa medida do evento Uxianet, tanto a nivel organizativo como de garantir que todo vaia sobre rodas nos ámbitos técnico e tecnolóxico.
Segundo fixeron saber os representantes do Concello e de Birus, está máis que claro que a cita ribeirense vai a máis, tanto no que se refire a repercusión (a fonda pegada informativa e tecnolóxica que deixan as amizades feitas ao longo da fin de semana de actividades) como no que atinxe ao propio número de participantes.
Lembrar que Uxianet naceu en 2010, “con pouco máis de 20 persoas inscritas”, e que na súa terceira edición celebrada o ano pasado (hai que ter en conta que en 2012 non se puido celebrar) xa convocou a 70 persoas. Desta volta, a idea é chegar aos cen participantes, fixeron saber. E deles, engadiron, a metade serán conferenciantes, axentes colaboradores, voluntarios, etc… en tanto que as outras 50 prazas convocadas están á venda a un prezo de 9 euros”. Ao fío disto, o Concello e Birus lembraron que os interesados en anotarse poden facelo aínda na páxina web uxianet.eu. Tamén explicaron que o emprazamento da festa estará artellado en dúas zonas: por unha banda unha parte privada para as persoas inscritas formalmente (incluíndo para aquelas que veñan de fóra un espazo para durmir no propio albergue situado na Casa da Xuventude) e pola outra unha parte de acceso libre e de balde que dará acubillo ás actividades complementarias da party. Por exemplo: haberá un ciclo de charlas sobre fotografía dixital, tratamento de imaxes e preimpresión; falarase sobre redes P2P; e desenvolveranse obradoiros sobre programación Android, programación web e, case con total seguridade, sobre programación de xogos multiplataforma (“este último está pendente de concretar”, informaron os organizadores).
Segundo se fixo saber na presentación ante os medios, sen dúbida “unha das actividades máis novidosas será a montaxe completo in situ dunha impresora en 3D, dando continuidade así á demostración que tan expectación causara o pasado ano acerca de como funciona un destes innovadores aparellos”. Ademais, engadiuse, haberá unha demostración sobre emprego de sistemas de radioafeccionados a través de equipos informáticos e desenvolveranse torneos de xogos online, un dos cales estará patrocinado por Riot Games.
A rede externa do encontro de Ribeira disporá de 200 megabytes por segundo de baixada e 20 de suba; mentres que a rede interna disporá “dunha nada desprezable cifra de 1.000 Mbps”, tanto de suba como de baixada.
Uxíanet consolida o seu papel referente coa previsión de acubillar esta finde a máis de cen persoas
Compartir Este Artigo
