A semana que vén, en Vigo, teremos unha boa ración de novidades acerca das tecnoloxías máis directamente desenvolvidas para mellorar e optimizar o noso día a día como cidadáns. Falamos da terceira edición das Xornadas Técnicas Smart Cities and Communities, que se desenvolven no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo os días 25 e 26 de novembro. O evento, centrado como indica o nome desta terceira convocatoria nas comunidades dixitais e as cidades conectadas, veñen das man do Concello de Vigo, a Axencia da Enerxía de Vigo (FAIMEVI), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros de Galicia (ICOIIG), o centro tecnolóxico coruñés CITIC ou o Cluster TIC Galicia. Polo que respecta ao programa, achegará arredor dunha trintena de relatorios especializados.
A primeira xornada contará coa presenza (entre outros) de Roberto Bustillo (decano da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, falando do réxime xurídico da eAdministración), Fernando Vázquez (de Imatia, falando do concepto de Goberno Intelixente) ou Conrado Toro (de WebDreams, afondando na cuestión da dixitalización dos servizos públicos locais).
Tamén falarán de cidades conectadas e das súas posibilidades para a cidadanía, as empresas e as administracións, relatores expertos como Antonio Sánchez (de Wairbut) ou Javier Albertos Benayas, que exporá un caso de éxito do Concello de Vigo en materia de innovación na xestión. Xa pola tarde, intervirán Marian Leboreiro (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, falando de novos métodos para administrar e xestionar un espazo urbano), Antonio Moreno (Jung Electro), Iago Barbeito (SETGA) ou Alberto Méndez (CO2 Smart Tech), entre outros expertos aínda pendentes por confirmar.
Unha cita para intercambiar coñecemento e engraxar a nosa maquinaria innovadora
Como dixemos os días pasados, nas Xornadas Técnicas está previsto que se atopen profesionais das TIC e da eAdministración para afondar en cuestións como o potencial e posibilidades das urbes conectadas do futuro. A xuntanza está encamiñada a profesionais do sector, expertos de recoñecido prestixio, empresas líderes a nivel estatal e administradores municipais, nos que se debaterá e profundará de maneira integradora diferentes aspectos relacionados coas novas tecnoloxías no eido das Cidades Intelixentes (Smart Cities), a xestión intelixente dos recursos e a transformación urbana que isto significa. Para aqueles interesados en asistir como visitante profesional cómpre dicir que o prazo de inscrición xa se atopa aberto. Para os asociados a cota de inscrición con desconto é de 50,00 €/persoa (IVE incluído).
