O Padroado da Fundación TIC de Lugo, dependente da Deputación Provincial, aprobaba o xoves pasado o orzamento de 1,6 millón de euros, capital co que contará para o vindeiro 2015, tamén anunciou que seguirá a manter a matrícula de balde da Escola de Imaxe e Son por 8º curso consecutivo. Asemade, a Fundación TIC continuará xestionando o Plan de Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores no Centro de Innovación Social grazas a unha nova encomenda da Deputación, que entrará en vigor cando remate, no mes de marzo, a encomenda dos fondos europeos do Innova-TE 2.
O presidente da entidade e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que “as claves dos orzamentos da TIC para o ano que vén serán o ensino público de calidade, a innovación, a promoción da provincia e o labor social”. Pero tamén que “a nosa vontade política é seguir traballando polo benestar dos maiores a través das novas tecnoloxías da información; por iso, a Deputación aprobará unha nova encomenda, neste caso con fondos exclusivamente provinciais, para continuar co importante labor que está a desenvolver o InLugo, avalado pola alta demanda, que duplicou ó número de inscritos”.
A Escola de Imaxe e Son (EIS) impartirá unha formación adaptada ás demandas dun sector en continuo cambio. “Por iso, despois de introducirnos no mundo do deseño de videoxogos, en 2015 o noso reto será a Animación 3D, unha especialidade con gran proxección laboral na industria do lecer”, sinalou. Esta novidade estará incluída no programa de formación complementaria encamiñada a alumnos, titulados e docentes da Escola, e impartirase durante todo o ano académico 2014-2015.
Como xa adiantamos, a TIC tamén manterá o esforzo inversor para que a matrícula da EIS, sexa de balde por oitavo ano consecutivo. Por outra banda, salientouse unha partida de 70.000 euros destinada ao programa de bolsas formativas en máis de 70 empresas do eido nacional nas que os titulados da EIS teñen a súa primeira experiencia laboral.
Outra das medidas que se pretende levar adiante é potenciar o Lugo Film Commission co obxectivo de “traer á nosa provincia a gravación de audiovisuais e películas como Hotel Almirante, que comezará a rodarse nos vindeiros días en Lugo”. Ao fío disto, Besteiro engadiu que se se apostará claramente polo turismo cinematográfico, “un sector que está a ter cada vez máis adeptos”. Dentro do eido cinematográfico, neste caso vinculado exclusivamente á formación práctica dos alumnos, anunciou a colaboración da entidade na nova película de animación do produtor Ángel de la Cruz, gañador de dous Goyas pola longametraxe Engurras.
Outro dos eixos fundamentais da actividade da Fundación TIC será a colaboración coas organizacións sen ánimo de lucro da provincia. “Superamos xa os 130 convenios con entidades sociais, culturais e deportivas”.
Engadir que a Fundación TIC continuará a xestionar no 2015 o Plan de Promoción da Autonomía dos Maiores da Provincia.
A Fundación TIC de Lugo terá un orzamento de 1,6 millóns de euros para o ano 2015
Compartir Este Artigo
