Unha das melloras integradas en Android 5.0 é a posibilidade de cifrar os contidos nos dispositivos, para garantir a súa seguridade, pero dende AnandTech están a dar conta de que esta tecnoloxía está a supor unha importante lousa sobre o rendemento do sistema, pois realizaron probas en dispositivos con Lollipop con ou sen o cifrado activado, conseguindo uns resultados moi preocupantes, especialmente porque esta opción vén activada de xeito predeterminado nos novos dispositivos, non existindo (polo momento) un xeito para desactivala.
Cando activamos a Full Disk Encryption (FDE) de Android 5.0 temos que, ao non existir un estándar común para aplicar o cifrado nas unidades de memoria dos dispositivos móbiles, o traballo parece recaer no software, o que provoca unha importante caída nos resultados rexistrados, de xeito que un Nexus 6 podería realizar lecturas aleatorias a 6,18 Mbytes/seg. co FDE activado, pero pasaría a 16,64 Mbytes/seg. sen este cifrado. Nas escrituras pasaríamos de 1,41 a 2,85 Mbytes/seg. realizando a mesma comparación pero, de realizar lecturas secuencias, o contraste sería aínda maior, de xeito que o smartphone lería ata a 25,36 Mbytes/seg. con FDE e a 131,65 Mbytes/seg. co FDE desactivado.
As diferenzas de rendemento son moi esaxeradas, e o feito de que empregar FDE reduza a velocidade das lecturas aleatorias un 62,9% e as escrituras aleatorias un 50,5% parece un alto prezo a pagar, que aínda é moito máis preocupante nas lecturas secuencias, que caen un 80,7% en rendemento.
Agardemos que Google solucione esta situación, empregando os sistemas de cifrado por hardware cos que contan moitos dispositivos ou facilitando a desactivación do FDE en dispositivos con Lollipop preinstalado.
O cifrado do almacenamento interno dos dispositivos con Android 5.0 provoca unha importante caída de rendemento
Compartir Este Artigo

