O Goberno, a través do Ministerio de Industria, vén de dar a coñecer os principais datos do seu informe Estudo sobre Comercio Electrónico B2C 2013, feito polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI). Entre as informacións máis salientables inclúese algunhas máis que previsibles (a suba do comercio electrónico, que se sitúa nos 14.600 millóns de euros en 2013, ou o incremento dos internautas compradores, que agora son 17,2 millóns en España, sendo os do ano anterior 15,2) e outras non tanto. Por exemplo que a cidadanía española prefire xa mercar cousas en mobilidade (o 4,4%) que facelo no posto de traballo (o 3,3%). A conclusión (unha das conclusións) que se extrae disto é que os dispositivos e as súas moitas vantaxes e funcionalidades están a liberar ás oficinas de seren (amais de centros de actividade laboral) centros de compra en liña extra-laborais.
Polo tanto, os datos do informe revelan que o comercio electrónico B2C segue “en espallamento”. Así, acadouse en 2013 a cifra dos 14.610 millóns de euros, o que representa un incremento do 18% en relación ao ano anterior. Esta subida supera en 4,6 puntos porcentuais a experimentada en 2012 (13,4%). Polo que atinxe ao número de internautas compradores, pasou de 15,2 millóns en 2012 a 17,2 millóns en 2013, cun incremento do 14% en valores absolutos.
En canto ao gasto medio, incrementouse en 2013 un 3,9% situándose en 848 euros fronte aos 816 de 2012.
Polo que respecta ao perfil do comprador en liña, o informe sinala que aseméllase ao “da poboación internauta en xeral”. Ou sexa, que en boa medida estamos a falar da mesma cousa, tal é o grao de integración da actividade comercial tecnolóxica nas nosas vidas. Predominan, polo tanto, os compradores de 25 a 49 anos e residentes en hábitats urbanos de máis de 100.000 habitantes. En canto á frecuencia de compra, o 14,9% dos usuarios das TIC compradores faio cada mes. Ademais, o número de categorías compradas é de 3,7 e o de procesos de compra 10,51. O fogar, pola súa parte, segue sendo o lugar preferido para realizar as compras en liña (92,3%).
Ademais, por segundo ano consecutivo, os sitios web que venden sobre todo por Internet sitúanse como principal canle de compra (52,6%). Séguenlle as empresas que combinan tenda física e virtual (39,3%) e as páxinas do fabricante (35,5%). O informe tamén constata que os cartóns de crédito e débito continúan sendo a forma de pago preferida á hora de facer a compra (52,8%), “aínda que o seu uso descende 10,1 puntos porcentuais en relación a 2012”, matízase. Porén, aumenta en 13,5 puntos porcentuais o emprego de plataformas de pago exclusivamente electrónico empregadas no 28,4% das transaccións.
Os produtos líderes son os do sector turismo, billetes de transporte (59,4%) e reservas de aloxamento (51,6%), seguidos da adquisición de roupa, complementos e artigos deportivos (49,6%) e a compra de entradas a espectáculos (49,1%).
Ademais, aumenta o número de internautas que adquiren produtos ou servizos a través de dispositivos móbiles (o chamado mcommerce), acadándose os 4,4 millóns de persoas, “o que representa unha suba do 13,8% respecto do ano 2012 e ao 25,6% dos internautas compradores”, explícase. Por outra banda, o 68,1% da cidadanía que empregou móbiles ou tabletas para realizar compras considera que estes dispositivos son acaidos para facelo, mentres que para un 6,3% non o son “pola maior dificultade para a navegación (61,8%), porque non se inclúen todas as opcións da páxina web (39,1%) ou pola mala visualización (36,8%)”.
Entre os artigos mercados por estes vieiros salientan os produtos físicos (61,8%), os contidos dixitais (58,1%) e os servizos como o transporte, as entradas para eventos ou os seguros (53,8%), e do mesmo xeito que no ecommerce, entre os compradores predominan os homes (60,7%) de 35 a 49 anos (41,2%).
Xa hai 17,2 millóns de internautas compradores en España
Compartir Este Artigo
