A Agrupación Aeroespacial da UVigo vai fabricar un novo satélite coa Agência Espacial Brasileira, AEB. Así nolo fixo saber a semana a institución académica galega, que está a formalizar (a través do devandito grupo) as directrices do desenvolvemento do primeiro satélite construído ao abeiro do programa SERPENS, Sistema Espacial para Realizaçao de Pesquisas e Experimentos com Nanossatélites, iniciativa financiada pola Axencia Espacial Brasileira, AEB. Esta iniciativa, incide a Universidade galega, ten a súa orixe en 2013 e diríxese a facilitar o acceso á tecnoloxía aeroespacial das universidades do país irmán.
No programa SERPENS traballa un consorcio internacional formado por catro universidades e un instituto federal de Brasil, as universidades Federal de Santa Catarina, Federal de Minas Gerais, Federal do ABC e de Brasilia e o Instituto Federal Fluminense; dúas de EEUU, California Polytechnic State University e Morehead State University; a italiana Università di Roma Sapienza e a Universidade de Vigo. A institución galega concorre, como dixemos, a través da súa Agrupación Aeroespacial, coordinada polo profesor e investigador Fernando Aguado. A participación do grupo galego foi posible grazas aos vencellos deste coa investigadora e profesora Roma Chantal Cappelletti, profesora da Universidade de Brasilia (e previamente da de Sapienza de Roma) e ao mesmo tempo membro do grupo GAUSS, encargado o ano pasado do lanzamento do satélite galego Humsat-D. Segundo explica o Fernando Aguado, “cando ela chegou a Brasil en 2013 propuxo a nosa incorporación ao consorcio de universidades que forman SERPENS”.
Segundo explica o investigador galego e reflicte a UVigo, o primeiro satélite do programa SERPENS será lanzado probabelmente na segunda metade de 2015 desde a Estación Espacial Internacional, a través do foguete Falcon 9 de SpaceX. Logo, engádese, será inxectado no Espazo por medio dun brazo robótico operado polo módulo espacial xaponés Kibo que se atopa na Estación. Por certo que o desenvolvemento do dito aparello está a impulsar a capacitación, formación e experiencia do alumnado, dos docentes e das investigadores de enxeñarías aeroespaciais de Brasil da man de grupos de investigación internacionais con experiencia nesta área, explican fontes da Universidade de Vigo. O proxecto SERPENS abrangue polo de agora, amais do dito satélite, catro estacións en terra e unha vintena de sensores que enviarán datos e se comunicarán co satélite desde varios puntos espallados polo país, é un Cubesat de 3U, dividido en dous sectores. “Mentres o sector A ten como obxectivo probar en órbita unha plataforma de baixo custo, utilizando compoñentes comerciais, o sector B, no que participa a Universidade de Vigo, inclúe unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada de Humsat”, explica Aguado, engadindo que “esta carga é unha evolución da que foi lanzada o pasado ano en Humsat-D e inclúe melloras baseadas nos datos en órbita do satélite”.
A Agrupación Aeroespacial da UVigo vai desenvolver un satélite coa Agência Espacial Brasileira
Compartir Este Artigo
