A organización Amnistía Internacional vén de lanzar un software de balde e aberto para que as persoas que loitan no mundo a prol dos dereitos humanos estean en disposición de coñecer se os seus computadores persoais están a ser obxecto de seguimento ou vixilancia por parte dos gobernos que alentan ou permiten as vulneracións contra as liberdades que defenden os activistas. Segundo fai saber a ONG, hai estados que están arestora a recorrer a métodos tecnolóxicos de risco, nalgúns casos moi avanzados, para ter acceso aos correos electrónicos dos activistas e dos xornalistas. En boa medida, o obxectivo tamén pasa por intervir a distancia cámaras e micrófonos dos computadores para rexistrar comunicacións e actividades.
A ferramenta en cuestión habilitada por Amnistía chámase Detekt e ten a capacidade de localizar programas de vixilancia de índole spyware nos computadores. O software foi lanzado en parcería con Digitale Gesellschaft, Electronic Frontier Foundation e Privacy International, e foi deseñado polo experto alemán en seguridade informática Claudio Guarnieri. Máis polo miúdo, busca nos ordenadores dos activistas sinais de seguimento externo feitos por programas espías.
Amnistía Internacional achega un programa para que os activistas saiban se os vixían
Compartir Este Artigo
