
O obxectivo da iniciativa, que se insire na política de fomento da internacionalización dos clústers galegos promovida polo IGAPE, é fortalecer ligazóns e relacións comerciais entre firmas galegas do sector TIC e clientes en Latinoamérica, “así como abrir mercados para a industria galega naquel continente”, engade o Clúster, que explica tamén que as empresas convidadas proceden de Brasil, México, Chile, Colombia, Perú, Panamá e Honduras, e pertencen aos sectores da telefonía, a televisión, os servizos de Internet, a xestión hospitalaria, o hardware, o software e a consultoría.
Os encontros transatlánticos desenvolveranse ao longo de catro xornadas. Nelas, sinala a entidade que dirixe Antonio Rodríguez del Corral, “os representantes das empresas coñecerán o catálogo de competencias das empresas do Clúster e as principais liñas de investigación das entidades de referencia en Investigación e Desenvolvemento (I+D)”. Asemade, haberá actos institucionais e visitas para coñecer proxectos tecnolóxico-dixitais representativos que se están a desenvolver na nosa terra, por exemplo Coruña Smart City, a iniciativa para converter a cidade galega nunha urbe conectada, ou sexa, máis sustentable, cómoda e mellor comunicada. Tamén se exporán detalles doutras iniciativas dos ámbitos da sanidade dixital e a innovación multimedia.
“A posta en marcha desta Misión Inversa”, explica a organización empresarial galega, “alíñase coa política de clústers que se impulsa dende a Unión Europea e responde a unha das prioridades do sector TIC galego, como é a necesidade de sumar forzas entre empresas e entidades para desenvolver plataformas de acceso aos mercados onde hai importantes oportunidades de crecemento, como son neste caso os mercados latinoamericanos”. O encontro internacional que prepara o Clúster galego para esta semana axudará a afianzar pontes comerciais “que redundarán nun reforzo do tecido empresarial TIC galego e xerará riqueza para a economía da Comunidade”, engaden fontes da entidade.
Empresas de sete países americanos irmándanse esta semana coas firmas do Clúster TIC
Compartir Este Artigo
