
Máis polo miúdo, a posta en longo da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, dirixida polo catedrático José Cidrás, formalizouse nunha caseta instalada no auditorio vigués, onde se amosa o proxecto de fogar dixital Enerdomus, que ten por obxectivos a medida, control, seguimento, caracterización e xestión do consumo de enerxía eléctrica nos fogares. Este proxecto, sinalan os seus impulsores, púxose este ano coa instalación de dispositivos tecnolóxicos en 15 fogares, desde os que se transmiten datos sobre o seu consumo eléctrico. “O obxectivo”, engaden, “é ampliar a mostra a 30 vivendas e, nunha segunda fase, trala análise dos datos, poder caracterizar o consumo (se é excesivo, regular ou axeitado) e en función dos resultados establecer logo guías dirixidas aos usuarios”. Estas guías axudaranlles a acadar unha maior eficiencia no emprego da enerxía eléctrica e un mellor axuste na súa facturación.
Segundo se fixo saber, Enerdomus ten un amplo potencial que vai alén da electricidade. De feito, malia que polo de agora céntrase neste ámbito, podería aplicarse a outro tipo de enerxías. Máis alá de Enerdomus, a colaboración entre a operadora e a institución académica galega baséase en “promover o desenvolvemento de propostas de mellora en eficiencia enerxética, novos sistemas de xestión enerxética, a utilización das tecnoloxías da información na procura desa eficiencia e a análise da calidade enerxética ambiental”.
Telefónica e a Universidade de Vigo presentan nas xornadas Smart Cities a súa cátedra compartida de innovación
Compartir Este Artigo
