A Fundación TIC da Deputación de Lugo está a pór os seus recursos a disposición dunha causa dobre: por unha banda a causa de xuntar solidariedade coas persoas e coas familias en meirande risco de exclusión sanitaria, e pola outra a promoción do monumento máis senlleiro da cidade, a Muralla. Deste dobre compromiso xorde a actividade desenvolvida este domingo no devandito monumento: unha actividade organizada pola Cruz Vermella dirixida a recadar fondos na loita contra o Ébola e inserida no 14 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A Fundación TIC estase a encargar de difundila nas redes sociais.
De feito, un equipo desta entidade formativa da Deputación encargouse de gravar o evento en todos os seus detalles, unha xuntanza que reuniu a un bo número de veciños (a previsión da Deputación era a de acadar dous milleiros) e que consistiu nunha quedada con paraugas vermellos e a súa posterior divulgación nas comunidades 2.0. A Deputación TIC tomou imaxes aéreas para poñelas a disposición dos medios de comunicación. Ademais, preténdese dar forma a unha gran imaxe colectiva coa que conquerir a meirande proxección do monumento romano no exterior.
A organización destinará os fondos que se recaden coa venda dos paraugas, que terán un custe de 3 euros, á campaña contra o Ébola que ten en marcha.
O apoio da Fundación á Cruz Vermella Lugo, sinala a Deputación, “é unha nova mostra do traballo de colaboración que a entidade formativa está a levar a cabo con asociacións da provincia sen ánimo de lucro para promover o labor destas organizacións a través da difusión de produtos audiovisuais ou de apoio técnico”. Arestora, engade o organismo provincial, “son máis dun centenar de entidades coas que colabora a TIC”.
A Fundación TIC difunde nas redes os actos solidarios do novo aniversario da Muralla de Lugo
Compartir Este Artigo
