O Centro Demostrador TIC de Galicia, xestionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vén de pasar a formar parte da Rede Nacional de Centros Demostradores TIC, impulsada pola entidade pública estatal Red.es e habilitada en Aragón, Andalucía, Estremadura e Castela a Mancha. “Coa creación desta Rede”, informa AMTEGA, “o obxectivo é aumentar o valor do conxunto dos centros públicos demostradores existentes, proporcionando ás empresas ofertantes e demandantes de tecnoloxía un servizo de ámbito nacional”.
Ademais, preténdese pór en xogo máis e mellores oportunidades para establecer ligazóns e colaboracións entre os centros e entre as empresas que os usen e os demanden, “favorecendo o desenvolvemento de proxectos conxuntos e compartindo metodoloxías e boas prácticas, amais da transferencia de coñecemento”. A Rede beneficiarase dun programa de impulso de actividades deseñado por Red.es.
Lembrar que o CDTIC galego está en marcha dende 2011 e xurdiu dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Industria, a través de Red.es. O Centro asumiu dende a súa orixe o reto de “converterse no escaparate tecnolóxico de Galicia, fomentando a interrelación entre a oferta do sector TIC e as empresas galegas”. O CDTIC, segundo fai reconto AMTEGA, organizou en tres anos máis de 160 actividades nas que participaron arredor de 130 empresas TIC colaboradoras con máis de mil empresas asistentes e máis de 3000 profesionais de diversos sectores ou autónomos. En total, impartíronse máis de 600 horas de formación TIC de alto nivel.
O CDTIC galego, na Rede Nacional de Centros Demostradores de Tecnoloxía
Compartir Este Artigo
