A liberación do Dividendo Dixital trae unha realidade nova para cidadáns e empresas: deixa ceibe despexada a frecuencia de 800 Mhz para poder usala coas redes de telefonía 4G. Isto (esta convivencia) será factible o 1 de xaneiro pero mentres, xa houbo que resintonizar aparellos nas nosas casas (cousa máis ou menos doada) e as comunidades de veciños con antenas colectivos xa tiveron que ir adaptándose á nova orde de cousas (cousa máis complexa e que se vai ir estendendo no tempo). Para pórnos as cousas o máis doadas posibles, algunhas compañías centradas na fabricación de tecnoloxías para a recepción do sinal de Televisión, están a facer importantes esforzos. Entre as máis destacadas atópase a galega Televés, que xa informou de que arestora atópase “ao cento por cento da súa capacidade” para atender a demanda de equipos precisos para adaptación das instalacións de recepción colectiva ao Dividendo Dixital.
Trátase, sinalan fontes da factoría, dun “gran esforzo de planificacion e asegurando o aprovisionamento de toda a demanda de materia prima, no que se implicou toda a organización e que vén avalado pola boa saúde financeira da empresa”.
Como lembraremos, estamos a vivir unha época de cambios que afectan non só ao noso xeito de recibir o sinal de TV no fogar senón tamén á actividade de todas as empresas implicadas. En boa medida, porque existe o factor présa para acadar a adaptación total de todas as comunidades. Segundo informa Televés, o sector viuse afectado polos prazos do proceso establecidos polo Goberno e o peso do risco e a presión derívase agora cara aos fabricantes. En base a isto, a empresa galega lembra que xa realizou os investimentos tecnolóxicos a industriais precisos, así como a contratación de persoal altamente cualificado, para pór as súas liñas de fabricación e verificación robotizadas ao máximo rendemento, “mesmo a razón de tres quendas diarias sete días á semana”, co fin de atender o incremento exponencial da demanda fronte ás previsións máis optimistas realizadas antes da publicación do Real Decreto 805/2014 o 19 de setembro.
En consecuencia, a firma emprazada no barrio de Conxo de Santiago está a facer entregas de produto “desde o primeiro día”, sen deixar desabastecida a súa canle. Ademais, engaden fontes de Televés, “a empresa está a colaborar moi estreitamente coas principais administracións públicas, federacións e asociacións nacionais, realizando as entregas de material de forma coordinada a fin de garantir a cobertura de frecuencias das zonas máis afectadas a nivel nacional”.
A compañía agradece a boa acollida que os seus produtos están a ter no mercado, así como a colaboración e profesionalidade que están a demostrar tanto os distribuidores como os instaladores de telecomunicación.
Televés incrementa investimentos e produción para atender a demanda de equipos para o Dividendo
Compartir Este Artigo
