A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organiza para o día 9 de decembro, unha xornada sobre os desenvolvementos TIC destinados ao sector da automoción. Na xornada presentarase o sistema operativo Tizen In-Vehicle Infotainment (IVI), un entorno tecnolóxico específico para o desenvolvemento de servizos ou produtos TIC do eido da automoción e realizarase unha demostración das posibilidades que ofrece. Os participantes asistirán á pilotaxe dunha nova solución que posibilita a xeolocalización do condutor e o vehículo.
Esta aplicación rexistra a posición xeográfica do coche no momento do apagado e almacénaa nun servidor na nube. Cando o condutor precisa volver, unha aplicación instalada no móbil permítelle coñecer a ruta de retorno ata o vehículo. Ademais, o propietario pode buscar un destino no seu móbil (por exemplo, outra cidade) e o sistema indícalle o camiño ata o coche e tamén ata o destino final. Cando o condutor pon o vehículo en marcha de novo, o sistema recupera da nube o destino solicitado previamente no móbil e calcula automaticamente a ruta sen que sexa preciso introducila de novo no navegador.
A apertura e presentación da xornada correrá a cargo de Manuel Velardo, director xerente do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CENATIC), e de Juan Victor Rodríguez Arós, xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da AMTEGA. A continuación, falará José Manrique López de la Fuente, xerente da Asociación de Empresas do Software Libre Federadas (ASOLIF), quen analizará a experiencia desenvolvendo con Tizen IVI dentro do marco Automotive Grade Linux.
Posteriormente, intervirá Francisco Sánchez, director de Electrónica e ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), a quen seguirá, despois dunha pausa, Xavier Castaño, socio cofundador de Igalia, cuxo relatorio leva por título GENIVI: modelando o futuro dos sistemas de infotainment de código aberto. A xornada rematará coa demostración da solución desenvolvida no entorno Tizen IVI, a cargo de José Manrique López de la Fuente.
Para participar nesta actividade, que se celebrará en horario de 10.00 a 14.00 horas, só é preciso inscribirse na web do CDTIC. A asistencia é de balde e as prazas son limitadas.
Unha xornada do CDTIC abordará os novos desenvolvementos tecnolóxicos para o sector da automoción
Compartir Este Artigo
