A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense (Universidade de Vigo) é a día de hoxe un referente estatal en materia de ensino universitario do ámbito da Enxeñaría Informática. A ESEI, para facérmonos unha idea do amplo horizonte que abrangue dentro das TIC, achega as seguintes titulacións a través da súa achega formativa: Grao de Enxeñaría en Informática, Máster Universitario en Enxeñaría Informática, Máster Universitario en Sistemas Software Intelixentes e Adaptables e Enxeñaría en Informática. A Escola ourensá, que conta cun equipo de máis de 60 profesoras e profesores con ampla experiencia docente e investigadora, é a través das titulacións que fornece e dentro do ámbito estatal, unha das que máis saídas laborais contribúe a xerar. De feito, segundo un informe recente publicado polo Ministerio de Educación, a ESEI figura no posto 39 de 70 na listaxe de carreiras (por universidades) con meirande taxa de emprego, sendo a única galega e por enriba dun bo número de centros de prestixio e renome.
Segundo o devandito informe, a Escola ostenta unha porcentaxe do 90,5% de estudantes titulados con traballo trala obtención de cadanseu título, partindo dunha base de 42 licenciadas/os. A taxa está extraida de datos reais da Seguridade Social, unha fonte de información para este tipo de casos de abondo fiable, en maior medida cás enquisas laborais (onde sempre hai marxe de erro derivada de respostas que non atinxen á realidade ou da marcha de persoas que si que están traballando no estranxeiro).
O certo é que estes datos non son novos e dalgún xeito eran agardados. Boa parte deles xa foron avanzados en marzo deste ano, no propio Edificio Politécnico do Campus das Lagoas, en Ourense, coincidindo coa presentación do Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática, unha investigación cuxo obxectivo foi o de reflectir a realidade profesional dos enxeñeiros e dos enxeñeiros técnicos en Informática. Na presentación, na que estiveron presentes os representantes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) e do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), destacouse a alta empregabilidade dos enxeñeiros, cun 91,77 por cento traballando. Nesta porcentaxe, engadiuse, “é significativamente positivo que a metade dos ocupados atopara o seu primeiro emprego en menos dun mes e que a media de titulados obteña o primeiro traballo en dous meses e medio desde que comeza a procura laboral”.
Na exposición do dito informe galego, na que tamén participou Francisco Javier Rodríguez (subdirector da Escola Superior de Informática e vogal do CPEIG), destacouse tamén que o 98,17% dos que traballan, fano a xornada completa e só un 1,83%, faino a tempo parcial. En relación ao tipo de contrato, o 77,98% son indefinidos, “síntoma da estabilidade laboral que teñen os titulados tanto de enxeñaría coma en enxeñaría técnica informática”, sinalou o CPEIG. En canto aos sectores nos que os enxeñeiros obxecto do estudo desenvolven a súa profesión, a meirande parte (o 55,72%) traballan no eido privado. Asemade, na presentación fíxose saber que o tramo salarial máis común dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática é o comprendido entre os 18.000 euros e os 30.000 euros brutos ao ano, con independencia do sector no que traballen.

Por certo que no informe abránguense as titulacións de Enxeñaría Informática, Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión, Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas, o Grao en Enxeñaría Informática, o Máster en Enxeñaría Informática, así como outras enxeñarías e másteres afíns. Por titulacións, o Máster en Enxeñaría Informática ten o 100 por cen de empregabilidade, seguido polo Grao en Enxeñaría Informática (94,30%), o título de Enxeñaría Informática (91,61%), o título de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas (82,40%), o título de Enxeñaría Técnica en Xestión (82,01%), ficando os másteres afíns co 68,63% e as demais enxeñarías co 62,06%.
No que atinxe á distribución xeográfica e os datos relativos a nosa terra (en que lugar queda), a investigación confirma que na parte máis alta da táboa atópase Aragón cunha taxa do 100%, e no máis baixo Andalucía cunha porcentaxe do 65,69%. Amais de Aragón, salientan no tope da listaxe (con números superiores ao 90%) as comunidades de Castela e León, Castela-A Mancha, Catalunya, Madrid, Estremadura, Principado de Asturias e Murcia, e logo vén Galicia acompañada de Balears, Canarias, a Comunidade Valenciana, A Rioxa, Euskadi e Navarra.
A ESEI de Ourense, no posto 39 da listaxe de centros que achegan meirande taxa de empregabilidade
Compartir Este Artigo
