A liberación do Dividendo Dixital (o proceso polo cal se deixa ceibe e despexada a banda de frecuencias de 800 Mhz, ou sexa as canles 60-69, empregadas ata o de agora para a difusión de canles da Televisión Dixital Terrestre) é un proceso no que tamén os galegos estamos a día de hoxe mergullados. Como toda evolución tecnoloxía, leva parella unha serie de adaptacións que non só atinxen ás empresas e ás administracións implicadas (cos seus servizos e infraestruturas), senón tamén á cidadanía. Para dar conta ao detalle do proceso e resolver posibles dúbidas, o pasado 15 de outubro púxose en marcha un plan de comunicación por parte do Goberno central. O plan xa colleu corpo a través de anuncios en prensa, radio e televisión, así como folletos para facilitar aos concellos.
Un dos grandes obxectivos é informar do cese das canles a liberar, que se fixou en termos xerais para o 31 de decembro de 2014 en todo o Estado, incluída Galicia, pero que para algunhas zonas xeográficas, polas particularidades que lles son propias ou por razóns primordialmente técnicas (ou co fin de buscar a máxima coordinación entre radiodifusores, operadores e administracións), pode variar. O devandito plan informativo tamén cobre estas eventualidades e estes casos particulares, intensificando a comunicación a nivel local para a contorna de cada centro emisor en canto se achegue no tempo o cese das canles a ceibar. Por certo que o proceso está supervisado e dirixido pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información.
A devandita comunicación a nivel local inclúe os seguintes contidos: horario de cese ou dos cortes para o reaxuste; a relación das poboacións afectadas, as canles que cesan e as novas frecuencias que se activan; e a hora a partir da que os cidadáns poden resintonizar os receptores para adaptar a listaxe de canles á situación final.
Lembrar unha vez máis que podemos consultar a información de apoio dispoñible na web habilitada polo Goberno www.televisiondigital.gob.es e máis nos teléfonos de atención ao usuario 901 20 10 04 e 954 30 77 96 .
Polo que se refire á cobertura informativa lanzada dende Galicia, o proceso levarase a cabo dende distintas frontes. Por unha banda, dende os radiodifusores, que se comprometen a informar polo miúdo mediante as súas canles de seu (cuñas publicitarias, programas, banners informativos, contidos nas súas webs, etc). A idea é que reforcen e complementen a información específica das accións na rede do múltiple autonómico de Galicia, no que se emiten TVG, TVG2 e V televisión, e das necesidades de adaptación de antenas e resintonización por parte dos cidadáns. Por outra banda, están dispoñibles os centros de soportes habituais da TDT en Galicia:
· A Oficina da TDT da Xunta de Galicia. Para información xeral, coordinación e apoio a cidadáns e concellos, todo centralizado a través de www.tdtgalicia.es. Lembrar que esta web inclúe todo tipo de contidos e servizos sobre a TDT e que é unha fonte de información referencial para profesionais e técnicos de televisión e para cidadáns interesados en coñecer o estado de cobertura e as condicións técnicas da súa área de residencia. Entre as súas melloras recentes, salienta a opción de compartir contidos coas plataformas sociais máis populares e consultar as novas máis significativas da TDT en España e en Galicia publicadas nos medios de comunicación.
· O Centro de Xestión e Atención de rede de RETEGAL, centrado en posibles incidencias no acceso ás canles e dispoñible a través de www.retegal.es. Lembrar que RETEGAL é o operador público galego, creado na súa orixe para prestar servizos de radiodifusión á CRTVG e a día de hoxe un operador integral de telecomunicacións que contribuíu a facer realidade procesos como apagamento analóxico (o paso do sinal antigo de televisión á tecnoloxía dixital do presente) ou o espallamento da banda larga en todo o noso territorio.
Goberno central, Xunta e radiodifusores empregan a Rede para informarnos da liberación do Dividendo Dixital
Compartir Este Artigo
