A pasada semana (o 17 de decembro), a Factoría de Innovación de Vigo levaba ata as instalacións centrais do Consorcio da Zona Franca de Vigo o showroom Como as tendencias tecnolóxicas están a transformar o xeito de relacionarnos cos axentes clave da empresa?, no que se examinaban as posibilidades que achegan as tecnoloxías emerxentes para o desenvolvemento de novos negocios e para a mellora da xestión empresarial. No dito encontro, José Alcáñiz (xerente da plataforma en liña Buscadestinos), explicaba as pautas a seguir para pór en marcha un negocio en liña e acadar presenza nas canles axeitadas. Falou sobre o posicionamento SEM e SEO, a presenza ordenada e estudada en redes sociais ou o email mercadotecnia como as ferramentas máis eficaces para atraer clientes e aumentar as vendas.
Pola súa banda, Fernando Gómez (director do Grupo Predomina), salientou que para que calquera proxecto de comercio electrónico funcione é indispensable centralo na captación de tráfico e a súa conversión en vendas reais, xa que o obxectivo sempre ten que ser “gañar diñeiro”. Para iso, recomendou estudar ben o mercado, ter unha estratexia clara, empregar recursos tecnolóxicos que sexan útiles a longo prazo, entender a web como un produto e coidala ata o último detalle, contar con provedores eficaces, e empregar ferramentas que permitan medir o funcionamento do portal como o estado do negocio.
Eduardo Díaz (socio de Ultreia Comunicacións), presentou diferentes ferramentas de software libre como Sugar CRM, Vtiger e Odoo, que permiten xestionar as relacións cos clientes durante todo o proceso de venda: primeiro rexistro, compra final e seguimento. Estas aplicacións ofrecen importantes vantaxes competitivas ás organizacións que as empregan porque, ao automatizar a relación con cada tipo de cliente, prodúcese un importante aforro de custos.
Fernando Campos (socio director de Ayco Internet), analizou como as empresas poden reducir gastos e mellorar a súa organización interna aproveitando as posibilidades que ofrecen os smartphones. Para iso amosou os beneficios que achega na toma de decisións loxísticas o sistema GPS instalado nos móbiles dos empregados, así como os programas de reporte automático, que permiten aos traballadores consultar de maneira inmediata calquera tipo de información da empresa e informar, en tempo real, sobre a actividade que está a realizarse en cada intre.
A Factoría de Innovación de Vigo amosa o engrenaxe das ferramentas tecnolóxicas dentro do mercado
Compartir Este Artigo
