Dun tempo a esta parte, semella case unha obriga que as novas tecnoloxías nos boten unha man en todo o referente á seguridade viaria, sobre todo porque é certo que as novas tecnoloxías “axudan” e porque o seu potencial é grande á hora de chegar a onde nós non damos chegado (eses reflexos e esa atención que nos fallan). A axuda en cuestión é máis necesaria se temos en conta algunhas cifras da Dirección Xeral de Tráfico acerca dos non condutores: arredor de 500 peóns e ciclistas falecen ao ano nas estradas españolas en accidentes, que provocan máis de 3.000 ingresos hospitalarios. Por certo que será a propia DXT a que financie un proxecto galego para reducir, precisamente, a cifra de atropelos. A iniciativa en cuestión vén da man do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo, grupo de investigadores que xa nos sorprendeu co seu mapping móbil para acadar estradas máis seguras.
Agora, o obxectivo destes investigadores galegos é “deseñar e desenvolver un sistema para a prevención de atropelos en travesías e zonas próximas, mellorando así os niveis de seguridade e reducindo a sinistralidade nas estradas”, informan. O sistema proposto polo grupo de investigación que lideran os profesores da Área de Enxeñaría Cartográfica Pedro Arias e Henrique Lorenzo Cimadevilla, supón ademais un gran chimpo tecnolóxico no ámbito da seguridade viaria, xa que permite, sinalan, “obxectivar e automatizar a clasificación de zonas potencialmente perigosas, así como os procesos de medición e inspección de ditas zonas de risco, ao tempo que deparará un diagnóstico preciso e fiable dos datos técnicos necesarios”. A súa tecnolóxica apóiase sobre un sistema LiDAR móbil, que “posibilita obter modelos xeométricos tridimensionais dunha estrada e da súa contorna”. A partir de aí, o sistema e os datos que xere deixan vía libre para desenvolver algoritmos que determinen a visibilidade en zonas de travesía e, en última instancia, xerar con todo o coñecemento acadado unha cartografía adaptada a unha condución nas mellores condicións posibles.
O devandito equipo da UVigo está integrado por dez investigadores. Contarán para o seu traballo, en virtude do devandito apoio da DXT, coa colaboración dos responsables de Tráfico da Garda Civil. Para a realización do estudo e do desenvolvemento os investigadores empregarán como dixemos un LiDAR móbil Optech Lynx Mobile Mapper, propiedade da Universidade, que instalado nun furgón ten a capacidade de obter nubes de puntos tridimensionais da contorna con gran precisión e sen interromper o tráfico. “Dotado dun sistema GPS-inercial para definir a traxectoria do vehículo e unha parella de sensores tipo láser escáner para obter as coordenadas espaciais da contorna”, informa a Universidade, “o sistema LiDAR recollerá os datos en dúas zonas de interese polo elevado número de atropelos de peóns e ciclistas, que serán definidas pola Agrupación de Tráfico da Guardia Civil”.
Segundo explica Higinio González, investigador do grupo de Minas, “este proxecto pretende desenvolver algoritmos de procesado xeoespacial de datos LiDAR orientados a determinar a visibilidade en zonas de travesía, tendo en conta o punto de vista do condutor e o peón/ciclista e aspectos como o mobiliario urbano, a invasión da beiravías pola vexetación ou curvas con radios de curvaturas pequenos que dificultan a visibilidade”. Pola súa banda, a investigadora Belén Riveiro lembras que “o resultado dos xeoprocesos será cartografía temática integrable nos sistemas de información de tráfico da DXT, permitindo determinar zonas de risco e axudando á toma de decisións sobre a necesidade de executar accións correctoras sobre a vía, que preveñan novos accidentes”.
Investigadores galegos desenvolverán un proxecto TIC para reducir os atropelos nas estradas
Compartir Este Artigo
