
A tecnoloxía en cuestión comezou a funcionar este curso 2014-2015 nas instalacións do SIT, permitindo participar nunha mesma actividade formativa a estudantes e docentes que asisten de xeito presencial á aula na que se imparten os contidos con outras persoas conectadas virtualmente en tempo real, “pero coas mesmas posibilidades de interlocución”, informa a Universidade de Santiago, que tamén engade que esta experiencia piloto no ensino universitario galego “cobra especial relevancia ao tratarse dunha iniciativa implantada na sede universitaria luguesa, un dos campus obrigados pola Xunta a formular plans de viabilidade para varias das titulacións que rexistraron un baixo número de estudantes nos últimos anos, e tamén denota a súa capacidade de adaptación ao novo escenario que emerxe no ensino superior”.
Por certo que a través da plataforma de teleformación estanse a organizar xa parte das actividades formativas impulsadas polo SIT, amais da quinta edición do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, coordinado polos investigadores do LaboraTe. Segundo informan os responsables deste desenvolvemento, “as vantaxes da aplicación son moitas e todas favorecen o acceso e a difusión de coñecementos, tanto entre estudantes como entre docentes”.
Nun plano máis concreto, a ferramenta facilita a inscrición de alumnado ou a participación puntual de colaboradores e expertos en calquera das materias abordadas obviando as limitacións xeográficas. A maiores, contribúe “a manter o carácter transversal e multidisciplinar que debe imperar en titulacións abertas a estudantes de distintas nacionalidades e procedentes de diferentes titulacións de acceso”, engaden os impulsores da plataforma.
Como dixemos, a pasarela telepresencial do SIT baséase na aplicación BigBlueButton, unha nova plataforma de código libre, especificamente deseñada para actividades de aprendizaxe a distancia (elearning). O sistema reúne nunha mesma interface vídeo e son, mensaxería instantánea e encerado virtual, onde o profesor amosa a súa presentación ou pode escribir e facer gráficos. “Ademais”, explican os responsables do seu desenvolvemento, “ten capacidade para compartir escritorio, polo que os alumnos presenciais e remotos poden visualizar tamén a execución de programas ou tarefas realizadas polo poñente no seu propio equipo, algo imprescindible no caso de exercicios de carácter práctico”. E engaden: “A pasarela complétase cunha infraestrutura física consistente en varios micrófonos convencionais e unha ou dúas webcams instaladas na sala”.
A Politécnica de Lugo achega unha innovadora plataforma de teleformación para levar contidos a persoas de todo o mundo
Compartir Este Artigo
