O vindeiro 5 de marzo celébrase na sede de La Voz de Galicia en Sabón, Arteixo, a segunda edición de InspiraTICs, un encontro que vén da man da Plataforma Proxecta, proposta formativa conxunta das fundacións Amancio Ortega e Santiago Rey Fernández-Latorre. A xuntanza, que ten como finalidade divulgar as vantaxes e posibilidades das novas tecnoloxías e dos métodos innovadores no eido docente, diríxese sobre todo á comunidade docente galega. Acubillará a presentación de diversos casos de éxito e desenvolverase baixo o epígrafe Para que os teus alumnos atendan, entendan e aprendan.
A xornada acollerá tres obradoiros a desenvolver con horario de 15.30 a 19.30. As profesoras e os profesores que desexen participar nas sesións deberán inscribirse antes do 2 de marzo na web plataformaproyecta.org.
A xornada inaugurarase coa charla de Paco Rodríguez, consultor e formador de comunicación: Ferramentas imprescindibles para comunicar mellor, unha guía para presentar proxectos. Logo desenvolveranse tres obradoiros simultáneos. Por unha banda o taller Os clips de vídeo como ferramentas educativas aplicadas ás Ciencias Sociais, a cargo de Manolo González, profesor de Historia no IES Concepción Arenal de Ferrol, que explicará como aproveitar os vídeos e o cinema para espertar o interese dos alumnos; por outra banda The Flipped Classroom: os deberes, a clase, de Joan Padrós, profesor do Centro de Formación de Adultos Palau de Mar (Barcelona), quen apostou por conseguir que os seus alumnos lesen na casa e fixeran os deberes en clase (ao revés do que se fai normalmente); e para rematar Como preparar os teus proxectos para espertar interese, a cargo de Paco Rodríguez, dirixido a achegar aos profesores recursos para deseñar e desenvolver proxectos que poidan defender ante os claustros ou nos premios.
En marcha a segunda edición de InspiraTICs
Compartir Este Artigo
