O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) vén de asinar un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) para a realización do curso de posgrao Xestión Empresarial da Innovación, título propio da universidade coruñesa que ten entre os seus obxectivos “cubrir o baleiro que existe na actualidade en materia de técnicas de xestión empresarial nos especialistas en I+D+i”, sinala o CLAG. Ou sexa, que o que se busca é fortalecer a vertente da actividade produtiva que rendibilice e tire proveito do feito de innovar. Máis polo miúdo, informa o clúster, trátase de ensinar aos investigadores e aos expertos en tecnoloxías as ferramentas precisas para desenvolver o seu traballo con garantía.
O curso, que será organizado polo Departamento de Análise Económica e Administración de Empresas da Facultade de Economía e Empresa da UDC a través da Cátedra Monnet de Economía Industrial Europea, capacitará aos alumnos para obter a titulación de Especialista Universitario en Xestión Empresarial da Innovación, outorgada pola UDC.
O CLAG, pola súa banda, apoiará a actividade formativa a través de diversas vías de colaboración e achegará a súa visión da realidade dos servizos de innovación “para a mellor adecuación das ensinanzas á realidade práctica das empresas e ao sistema galego de innovación”.
O curso, que se inaugura mañá, xoves día 12, impartirase as fins de semana de febreiro a xuño, e o seu custe poderá bonificarse a través da Fundación Tripartita. “Nesta acción formativa”, explica o clúster, “afondarase na formación teórica e práctica da xestión empresarial da innovación, desde as modernas técnicas de innovación e desenvolvemento de novos produtos (I+D+Marketing) e a xestión de proxectos, ata os instrumentos de xestión integral da empresa innovadora (ERPs)”. Nel participarán institucións de investigación, centros tecnolóxicos e empresas innovadoras.
O CLAG e a UDC formaran aos nosos expertos en innovación en materia empresarial
Compartir Este Artigo
