
“Dende a asociación”, engadiu, “estamos satisfeitos do arduo traballo realizado, un traballo logo de tentativas erradas e promesas incumpridas que finalmente empraza aos empresarios locais en situación de competir en igualdade de condicións cos de calquera outro concello, vila ou cidade en canto a sistemas de telecomunicacións se refire”. Ao seu xuízo, ter hoxe en día un acceso de calidade é, de feito, “unha cuestión primordial”. Domínguez tamén salientou o feito de que a fibra óptica e as súas posibilidades estean ao alcance de toda a sociedade en xeral, “pois o feito de que se instale esta infraestrutura dá opción a que calquera cidadán que teña a súa vivenda nestas zonas poida tamén beneficiarse da alta velocidade”.
Para o presidente de AEMOS, José Mañas, a constatación das ditas capacidades de acceso á Rede poñen ao concello pontevedrés e ás súas empresas e cidadanía plenamente no século XXI, “ao dispor da tecnoloxía máis vangardista e punteira neste ámbito grazas ao convenio subscrito entre a asociación e a operadora R para instalar fibra óptica no municipio”.
Lembrar que a compañía está a traballar arestora nas zonas industriais de Mos e estímase que serán máis de 300 as empresas beneficiarias, asentadas todas nunha área xeográfica importante dentro do concello: Rebullón, Puxeiros, Portela, Montefaquiña e o PEMOS da Veigadaña, que aínda sendo un parque industrial novo carecía de despregamento desta infraestrutura. Segundo apuntan dende a devandita asociación, esta atópase en “continua comunicación” con R, achegándolle á operadora información en detalle de cada empresa que manifestou o seu interese para obter unha solución con respecto ao seu asentamento e a infraestrutura asociada. A asociación tamén lembra que o convenio subscrito con R contempla descontos en tarifa importantes.
Os empresarios de Mos salientan as capacidades da fibra óptica que R subministra no concello
Compartir Este Artigo
