A Biblioteca Universitaria de Vigo quere axudar á comunidade de estudantes a procurar mellor información, usar as estratexias máis axeitadas para facer pescudas e aprender a diferenciar cando unha fonte é de confianza e cando non. Con este fin, organízase o curso Máis alá de Google. Como buscar e xestionar información para un traballo académico, que con esta xa acada a súa décima edición, e no que os interesados e as interesadas poderán matricularse ata o vindeiro día 16 a través da plataforma Bubela.
Aberto a todo o alumnado dos estudos oficiais da Universidade de Vigo, “pode ser de especial interese para as persoas que se atopen nos últimos cursos e para aqueles e aquelas que teñan que facer pronto os traballos de fin de grao ou de fin de máster”, sinala Antía Salgado, coordinadora da actividade, que tamén lembra que os participantes no curso terán coñecemento directo dun amplo abano de servizos de utilidade da Biblioteca, como o catálogo, as bases de datos, as revistas, os libros electrónicos e os “diferentes recursos web que pon ao alcance da comunidade”. Por outra banda, dotarase ao alumnado “da capacidade crítica e de análise precisa para obter a información axeitada doutros moitos recursos aos que se ten acceso en Internet, que tamén poden ser válidos se son empregados axeitadamente”, engade a Universidade.
Para a adquisición destes coñecementos, durante as cinco semanas que durará o curso, dende o 23 deste mes ata o 27 de marzo, abriranse cada semana en FaiTIC uns temas teóricos cos exercicios correspondentes, habendo tanto cuestionarios aos que terá que responder o alumnado como actividades prácticas individuais que, como indica Antía Salgado “serán corrixidas de forma personalizada”. Será a superación destes exercicios o criterio que se adoptará para conceder aos participantes o crédito ECTS que se pode validar.
A Biblioteca Universitaria de Vigo quere axudar aos estudantes a buscar información do mellor xeito posible
Compartir Este Artigo
