Abanca presentou o pasado venres en Vigo as grandes liñas do seu programa estratéxico para o período 2015-2017. O plan de iniciativas foi dado a coñecer perante un milleiro de empregadas e empregados polos directivos da entidade financeira, apoiándose sobre os seguintes piares: a orientación ao cliente, a banca dixital e a mellora da eficiencia. Respecto do que nos ocupa, a cuestión tecnolóxica, Abanca fixo saber que “avanzará nos vindeiros anos no impulso e desenvolvemento dun modelo máis dixital e multicanle”. En termos concretos, o seu obxectivo é acadar que ao cabo de tres anos, a metade dos seus clientes empregue decote os seus servizos de banca en liña.
Servizos como por exemplo a plataforma bancaelectronica.abanca.com, recurso principal da liña tecnolóxica da entidade e dende o que se posibilitan (a través de tres lingas, galego, castelán e inglés) consultas e operacións coas contas dos clientes a través dos seus dispositivos, as súas tabletas, os seus computadores ou ben chamando por teléfono ao servizo de atención.
A mellora da eficiencia será outro dos grandes eixos fundamentais para o banco. Deste xeito, a entidade fixo saber que potenciará “o medre e a xeración de ingresos cunha xestión máis sustentable e contida no gasto”. Os directivos, ao fío disto, lembraron quen en 2014 reducíronse nun 13%os seus gastos de explotación e incrementouse a marxe de actividade comercial nun 25%.
A convención do venres serviu tamén para a posta en común e análise dos principais proxectos que se acometerán este ano e as prioridades comerciais do exercicio, con especial énfase na actividade prevista para o primeiro trimestre. Os directivos de ABANCA aproveitaron tamén o encontro para facer balance do ano 2014, analizar a boa evolución das grandes magnitudes de negocio e repasar as transformacións acometidas pola entidade no inicio da súa nova etapa.
Abanca quere que en 2017 a metade dos seus clientes aposte polos seus servizos en liña
Compartir Este Artigo
