O 11º Congresso Alemão de Lusitanistas que terá lugar en Aachen (Alemaña) entre o 16 e o 19 de setembro, abordará os grandes cambios sociais, culturais e lingüísticos do mundo lusófono, contando cun interesante apartado sobre a cibercultura, as linguaxes e a medialidade, na que se afondará na hibridación e conflito nos espazos xeoculturais galego e lusófono.
Para fornecer de contidos a citada sección, está aberta a recepción de propostas de relatorios de 20 minutos, que deben enviarse antes do 30 de abril, e que poderán ser en galego, portugués, inglés ou alemán. As liñas temáticas da sección serán:
– Mudanza social e reconfiguración dos fenómenos socioculturais en Galicia.
– A mediación da Internet no ecosistema informativo e cultural galego en relacións cos sistemas culturais lusófonos e hispánicos.
– Unha abordaxe transdisciplinar dos procesos de translación cultural dende e para o contexto galego, cuestionando os mecanismos da oposición centro/periferia.
– Variación e cambio lingüístico no contacto de linguas en Galicia, con especial atención ás implicacións culturais e lingüístico-interaccionais do desprazamento migratorio (tanto transculturais como intraculturais) e as relacións entre escritura e oralidade.
– Transformación e conflito das diferentes prácticas tradutivas dende e para o sistema cultural galego en relación cos sistemas culturais lusófonos e hispánicos, tanto a nivel transcultural como intracultural.
– Novas formas de organización social, ciberactivismo sociocultural e medios de comunicación de base en Galicia.
– O paradigma das humanidades dixitais na construción e visibilidade do sistema cultural galego e da súa relación con outros espazos culturais, como os lusófonos e hispánicos.
O encontro ten xa confirmada a participación como conferenciante convidado de Manuel Gago, da Universidade de Santiago de Compostela, así como de Eugenia R. Romero, da Ohio State University.
Un congreso en Alemaña abordará a cibercultura galega
Compartir Este Artigo
