A plataforma MarJob, unha iniciativa promovida polo Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar (Universidade de Vigo) xa ten dous anos de vida. Como dixemos dende Código Cero con motivo da súa posta en marcha, estamos ante unha iniciativa en liña para favorecer a inserción laboral dos nosos estudantes ligados ao ámbito marítimo. Máis polo miúdo, MarJob é un buscador de ofertas de emprego e bolsas que ademais naceu coa arela de funcionar como punto de encontro entre ofertantes e demandantes. Conseguiu o seu propósito logo de dous anos de actividade? Segundo informa a Universidade de Vigo, sen dúbida si. Para facernos unha idea do acadado, ao longo deste tempo subscribíronse no portal máis de 1800 ofertas de emprego tanto de perfil técnico (enxeñaría, bioloxía, produción, etc.) como de perfil investigador (contratos de posdoutoramento, bolsas de posgrao, etc.).
Segundo engaden os responsables do servizo, máis de 75.000 usuarios que visitaron MarJob nos últimos dous anos puideron atopar ofertas de diferentes áreas como enxeñaría aplicada ao medio mariño; biotecnoloxía mariña; ciencias do mar; tecnoloxía, calidade e seguridade dos alimentos; TIC aplicadas ao medio mariño; saúde e mar; economía; e ciencias xurídicas, sociais e humanidades, tanto en empresas privadas como universidades ou centros tecnolóxicos nacionais e internacionais. As ofertas publicadas en MarJob van alén da área de influencia de Campus do Mar, a Eurorrexión Galicia-norte de Portugal, e se ben as vinculadas á península ibérica son maioría, nesta plataforma pódense atopar ofertas de emprego e formación de países tan dispares como Noruega, EEUU, Qatar ou Singapur.
Segundo se fai saber acerca das razóns do éxito acadado, un dos factores determinantes foi a sinxeleza de uso, “xa que posibilita filtrar os contidos segundo os intereses de cada profesional grazas á axuda dun buscador que da a opción de seleccionar a área de traballo ou de coñecemento, a situación ou localización xeográfica na que se desexa atopar o emprego ou bolsa de investigación, a titulación necesaria, o tipo de contrato e a duración da xornada laboral, polo que o candidato pode doadamente adaptar a busca ao seu perfil”. Asemade, posibilítase a subscrición a un sistema de información RSS que achega a opción de recibir datos de interese sen a necesidade de visitar de continuo a páxina en cuestión.
O portal galego MarJob acubillou na súa andaina 1.800 ofertas de emprego
Compartir Este Artigo
