A provincia de Ourense será os vindeiros días un foro de debate para as industrias culturais e creativas de España coa celebración do Ourenseiccweek, un evento promovido pola Deputación de Ourense que reunirá entre os días 23 e 28 de marzo a emprendedores, empresarios e expertos do ámbito audiovisual e a público en xeral dentro da Semana das industrias culturais e creativas. O programa inclúe relatorios, entrevistas, net party, festivais, concertos, showcases, rede negocios e master class sobre radio, cinema, TV, industria musical, novas tendencias tecnolóxicas, aplicacións móbiles e vídeo-xogos, que se desenvolverán no Pazo dos Deportes Paco Pazo e en diferentes vilas da provincia de Ourense.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou os días pasados este evento no Centro Cultural Marcos Valcárcel acompañado do asesor cultural, César Fernández, e do coordinador técnico do Ourenseiccweek, Juan Rivas. Baltar destacou que esta iniciativa “converterá Ourense no centro de referencia das industrias culturais e creativas situándoa na vangarda do audiovisual durante a semana en que se vai desenvolver este importante evento”. Ademais, o presidente do goberno provincial subliñou que Ourenseiccweek nace cunha visión integral de provincia pois “promove e difunde a nosa cultura e riqueza monumental a cal se complementa coas iniciativas de vangarda que se están a dar nos ámbitos tecnolóxico, artístico e audiovisual e que poderán coñecerse no marco desta iniciativa”.
Os obxectivos deste proxecto son, por unha banda, presentar a Ourense como unha área economicamente atractiva e industrialmente ben dotada, con infraestruturas e comunicacións de primeiro nivel, que reivindica o seu espazo na vangarda das novas tendencias profesionais; e atraer expertos de diversos campos tecnolóxicos e marcas de referencia para manter no tempo relacións e contactos profesionais.
Tamén se pretende transferir coñecemento a empresarios locais e abrir un espazo de debate en torno a novos negocios, dinamizar os espazos rurais e potenciar o valor das infraestruturas e o acervo cultural da provincia de Ourense.
Xerar canles de comunicación entre emprendedores, empresarios e expertos do sector audiovisual e sensibilizar sobre a importancia das industrias culturais e de entretemento como oportunidades laborais e de negocio son outras das finalidades do Ourenseiccweek, que terá a Radio 3 como emisora oficial do evento.
O programa de actividades que se vai desenvolver na semana do 23 ao 28 de marzo abrangue os seguintes apartados:
- ICCWEEK: ao redor de 30 participantes, expertos en diferentes áreas presentarán charlas, cursos ou xornadas de traballo.
- ICCNET PARTY: é o punto de encontro de fanáticos da informática radical, gamers e desenvolvedores. Un espazo de conexión xigante que permite interactuar a centos de participantes con velocidades de rede astronómicas e todo o necesario para unha experiencia virtual extrema.
- ICCEXPO: venres e sábado. Unha feira con máis de 50 empresas do sector audiovisual e de formación especializada en industrias creativas.
- ICCTOUR: unha forma diferente de vivir a experiencia profesional.
- ICCNETWORKING: networking a tarde noite do xoves, unha actuación, charla e reunión cos medios.
- ICCEXPOCONCERT: un concerto para todos os públicos no Pazo dos Deportes Paco Paz.
Os relatorios e charlas técnicas desenvolveranse en Celanova (Mosteiro de San Salvador), Esgos (Mosteiro de San Pedro de Rocas) e Vilamarín (Pazo de Vilamarín), sendo os temas que se abordarán A industria da música e os seus axentes, O marco legal dos dereitos de autor e a propiedade intelectual, O mundo da vídeo-creación, Vídeo-xogos e tendencias dixitais, Os novos retos do audio e a produción musical e O futuro do cinema visto polos seus protagonistas.
Nos concertos, que se celebrarán o sábado, día 28, no Pazo dos Deportes Paco Paz actuarán Electric Feels, Isaac Torgal Dj, Marlango, Aurora & The Betrayers e Wöyza.
As inscricións para participar nas diferentes actividades da Ourenseiccweek así como a compra das entradas para os concertos pódense xestionar a través da páxina web www.ourenseiccweek.com, onde se pode consultar ademais toda a información referida ao evento.
