O grupo EMC, corporación internacional centrada en servizos avanzados TI, vén de anunciar que culminará en Santiago de Composta a edición estatal da xira EMC Redefine IT Tour 2015. A cita será o vindeiro 16 de marzo, luns. Trátase dun itinerario europeo que abrangue 31 cidades de 16 países. O obxectivo é “amosar as solucións tecnolóxicas máis avanzadas que permitirán a todo tipo de organizacións afrontar con éxito os seus actuais desafíos de negocio”. O equipo de profesionais de EMC chegará á capital de Galicia nun tráiler de grandes dimensións, que estará emprazado na Cidade da Cultura.
Dende alí amosaranse achados e tendencias TIC a través de relatorios que correrán a cargo dos expertos da agrupación, abordando cuestións como o almacenamento definido por software, técnicas de almacenamento Flash, arquitecturas TIC converxentes, protección da información ou potencialidades da nube híbrida.
As sesións desenvolveranse integramente no interior do tráiler, a partir das 9.30 horas, “nun vehículo articulado dotado da última tecnoloxía e cunhas dimensións de 10 metros de ancho por 16 de longo e 38 toneladas de peso”. O tráiler, sinala EMC, foi especialmente equipado para a ocasión coas últimas tecnoloxías e contén no seu interior 2,4 quilómetros de cableado eléctrico e de datos.
Sobre os porqués de ter elixido a nosa terra para rematar a xira estatal, a empresa apunta ao bo estado de saúde do noso tecido TIC. Para Fernando de la Prida, director xeral do grupo en España, “a tecnoloxía é un motor fundamental de cambio e innovación, e estamos nun intre crítico para as organizacións que necesitan redefinirse dende o punto de vista tecnolóxico para acadar o éxito empresarial”. Neste senso, di, “Santiago e toda a Galicia constitúen un dos motores do tecido produto estatal, e con esta iniciativa o noso obxectivo é apoiar ás organizacións nesta transformación decisiva”.
EMC remata en Santiago a súa xira tecnolóxica estatal
Compartir Este Artigo
