Esta mañá inaugurouse o I Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica, evento que visibiliza un compromiso conxunto para os cidadáns dende o Goberno galego, de aí que contase coa presenza do presidente Núñez Feijoo, que afirmou que o Plan de Administración e Goberno dixitais Horizonte 2020 culminará coa dixitalización dos servizos da Xunta a prol dunha administración sen duplicidades, transparente, aberta e flexible.
O presidente da Xunta asegurou que “queremos poñer fin ás duplicidades; que haxa unha Administración única e cohesionada, que lle aforre trabas burocráticas aos cidadáns. Melloraremos a plataforma Pasaxe! e o sistema de Rexistro único, alén de instalar o sistema de notificacións electrónicas. Queremos, co horizonte 2020, que todos os procedementos administrativos se poidan iniciar a través da Internet de tal xeito que os cidadáns poderán obter a través da rede, de xeito inmediato, certificados coma os de discapacidade ou de familia numerosa. E queremos que os galegos leven a Administración no seu teléfono móbil a través da Chave 365”.
Feijoo tamén visitou o Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) sito na Cidade da Cultura, que serve de alicerces do plan de dixitalización da Administración, e que coa súa consolidación permitirá un importante aforro económico anual, así como uns mellores servizos, redundando no beneficio dos cidadáns. O CPDI “dá servizo a todas as extremidades da Administración autonómica, como a xustiza, a educación e a área de benestar. Nel custodiamos todas as historias clínicas electrónicas, as receitas, os servizos de administración electrónica, o Diario Oficial de Galicia ou a documentación xudicial, todo cos estándares máis estritos de seguridade”.
O xefe do Executivo autonómico asegurou na súa intervención que os galegos son os españois que máis interactúan coa Administración autonómica, polo que “modernizar a propia xestión da Xunta leva sendo unha das prioridades deste Goberno”, engadindo que este proceso modernizador ten un triplo obxectivo: aforro de tempo para os cidadáns, aforro de papel e aforro de diñeiro público.
Feijoo destaca o papel do CPDI como corazón da Administración electrónica galega
Compartir Este Artigo
