Como lembramos o outro día dende Código Cero, doce foron os proxectos galardoados na cuarta edición dos Premios INCUVI-Emprende, que dende o xoves pasado comezaron a súa andaina empresarial. Como novidade dicir que a Universidade de Vigo vén de integrarse nesta convocatoria xunto a Preincubadora da Tecnópole. Emporiso, os seis proxectos gañadores do Campus de Vigo, os catro de Ourense e os dous de Pontevedra foron seleccionados entre un total de 44 iniciativas presentadas por máis de 70 estudantes emprendedores e emprendedoras. Como indicamos daquela, dende agora dá comezo un ano de intenso traballo nas instalacións da pre-incubadora do Campus Vigo, de AJE en Pontevedra e na Tecnópole de Ourense.
O reitor da Universidade, Salustiano Mato, entregou as chaves destes espazos aos galardoados xunto cos representantes das empresas e institucións colaboradoras.
Cómpre sinalar que, amais de local durante un ano, os gañadores recibirán: teléfono fixo e móbil, un dispositivo de web-TV e e a asistencia de balde a cursos e sesións organizados polas entidades patrocinadoras.
Alén disto, os premiados recibiron xa os seus primeiros consellos, de parte precisamente dun dos galardoados na pasada edición, Rodrigo Garrido, de Stuckers (empresa que pon en contacto persoas que procuran un piso compartido).
E indo aos gañadores que ocuparán a Preincubadora da Tecnópole, atopamos a Traster, de Nicolás Álvarez, unha plataforma encamiñada a poñer en contacto a persoas que necesitan reparar ou revisar un ordenador con profesionais cualificados, iniciativa na que participan titulados en Enxeñaría Informática, ADE e Tradución.
Pola súa banda, Ibeeagro chegará á Tecnópole con parte do camiño percorrido, habida conta que os seus promotores, os enxeñeiros Sergio Eiriz e Javier Pesado, xa levan tempo traballando neste sistema de monitorización agrícola.
Tamén atopamos outro proxecto interesante, Meigalabs, un estudo de desenvolvemento de aplicacións móbiles, e consultoría deportiva, que emprestará servizos relacionados co deporte, co lecer e co turismo.
A Tecnópole acolle aos emprendedores do Campus de Ourense recoñecidos nos INCUVI-Emprende
Compartir Este Artigo
