A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, celebra este martes 24 unha xornada de presentación para dar a coñecer a iniciativa CeMIT-Innova: Fomento da innovación social dixital. O evento, a desenvolver en colaboración con Fundetec, celebrarase partir das 9:30 horas da mañá, no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura. Segundo apunta a axencia, a xornada está dirixida a explicar en que consiste “este marco conceptual da innovación” aos formadores e usuarios das aulas da rede CeMIT, voluntarios dixitais, entidades e organizacións locais, de acción social, empresas e persoas ou organizacións interesadas na innovación social dixital.
A primeira parte da xornada, baixo o título As aulas CeMIT, novos espazos para a innovación Social Dixital, dedicarase á reflexión sobre o que significa a innovación social dixital e como levala a cabo. Intervirán Concepción Galdón, directora xeral de Pontes Global e Coordinadora de Área 31, espazo de innovación e emprendemento de IE Business School; e Ana Álvarez, consultora especialista en cambio e dinamización de espazos.
O segundo bloque do evento será o de exposición de casos de éxito, e presentaranse as experiencias Fraguando a Diversidade, proxecto do IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela) no eido audiovisual; Emprega Oroso, portal de emprego impulsado polo centro CeMIT e o Concello e Oroso; e os traballos de Espazo Arroelo, espazo de coworking en Pontevedra.
O último bloque da xornada estará destinado á realización de obradoiros. “Neles”, sinala AMTEGA, “botarase man de dinámicas de grupo e empregaranse técnicas de creatividade e deseño intelixente, sendo o obxectivo traballar na identificación de desafíos locais a resolver desde o enfoque da innovación social TIC”.
Para máis información, a axencia ten pendurado na súa web o programa de actividades ao detalle.
AMTEGA presenta este martes o seu proxecto de innovación social CeMIT-Innova
Compartir Este Artigo
