O termo smart (intelixente) está de moda, ben para referirse a teléfonos móbiles, coches, etc… unha acepción que vai da man do medre da sociedade cara un punto global no que todo se prevé dixital e smart. Para acadar esa complexidade intelixente hai que comezar incluíndo as cidades que tamén terán que ser intelixentes. É por iso que os días 21 e 22 de abril o compostelán Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia acollerá a terceira edición do Congreso Cidades Dixitais, a tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade. Desta volta, o encontro servirá para partillar experiencias entre un grupo de mandatarios de cidades latinoamericanas, que buscarán colaboración con empresas españolas en proxectos smart para as súas cidades.
Cómpre dicir que o dito congreso está organizado pola Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica (CONETIC) en colaboración coa Asociación TIC en Galicia, INEO, estando presentes tamén administracións españolas, concellos nacionais e representantes de cidades e institucións de Colombia, México, Perú e Uruguai, amais da industria tecnolóxica marca España.
No acto de presentación do pasado 19 de marzo, o presidente de CONETIC, Jorge Cebreiros, asegurou que nesta terceira edición “o Congreso convidou a compartir as súas experiencias a representantes de cidades latinoamericanas e de entidades que dan servizo a estas cidades, en espera de que xurdan sinerxías e futuras colaboracións, beneficiosas para as empresas de aquí e de alí”. Tamén haberá unha gran representación de concellos españois: Bilbao, Valencia, Ávila ou Logroño acompañarán a representantes das galegas como: Lalín, Ourense, a Eurocidade Chaves-Verín xunto coa que acolle o evento, Santiago de Compostela. Todas están integrando nas súas estratexias de cidade proxectos de transporte intelixente, auga, residuos, accesibilidade e goberno aberto.
O congreso buscará tamén dar a coñecer as axencias multilaterais de financiamento, o seu funcionamento e como pode unha empresa española participar nos grandes proxectos liderados por estes axentes. Catro serán as áreas troncais sobre as que se artellarán as mesas de debate: Xestión e Reaproveitamento de Refugalos, Transporte Intelixente de Persoas e Mercadorías, Seguridade nas Smart Cities e Accesibilidade na Cidade e no Fogar. Para máis información sobre o congreso cómpre visitar a web das Cidades dixitais.
Compostela será punto de reunión das Cidades Dixitais ao longo de dous días
Compartir Este Artigo
