Este venres 27 as instalacións de WekCo na Coruña (espazo de coworking emprazado na Avenida Novo Mesoiro da Coruña) van dar acollida a un relatorio de Patrick Berry, profesional e innovador con máis de quince anos de experiencia centrando boa parte do seu traballo en adaptar ao eido das empresas semellantes pautas que rexen na natureza en relación co evolutivo: quen innova, perdura e medra. Berry, inglés de nacemento e coruñés de adopción, acode a WekCo cun relatorio (de 10 a 11.30 horas) que sobre o papel ten moito que ver co devandito: O Átomo vs o Bit: Unha xeración perdida na economía real. A sesión tamén xirará arredor de como tantos profesionais de talento tiveron que ir traballar en proxectos dixitais atraidos “baixo falsas premisas en empresas e sectores de crecemento exponencial”.
O relator, que traballou ao longo da súa andaina profesional en grandes multinacionais e creou varias empresas, céntrase arestora na viraxe cara á innovación de produtos e industrias do sector alimentario. Segundo nos lembran dende WekCo, Patrick Berry defínese coma “un eterno buscador de novas formas de agregar valor a través de perturbar o status quo, procurando para iso novos modelos de negocio, propostas de valor e fontes de ingresos”. E engádese: “Está sempre en busca de tecnoloxías disruptivas que presenten un potencial exponencial de crecemento e traballo para que os negocios poidan incrementar o seu valor a través delas”.
Patrick Berry fala este venres en WekCo da xeración perdida da economía real
Compartir Este Artigo
