
Deste xeito, a cidade de Toquio creaba en 2010 unha rede metropolitana de criptografía cuántica pioneira no mundo, da que participan diversas empresas de comunicacións xaponesas e internacionais xunto con varios centros de investigación como: NICT, NEC, Mitsubishi Electric, NTT, Toshiba Research Europe e ID Quantique. E precisamente dous dos investigadores de NTT, Kiyoshi Tamaki e Koji Azuma, levan xa varios anos colaborando co profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de AtlantTic, Marcos Curty. Ao abeiro dos seus traballos conxuntos, ambos científicos nipóns están esta semana no campus de Vigo para ofrecer varios relatorios e avanzar no traballo conxunto que levan a cabo para a demostración matemática da seguridade de varios sistemas de criptografía cuántica. Ao longo da semana impartirán tres conferencias encamiñadas ao alumnado da EE de Telecomunicación sobre os sistemas de criptografía cuántica para redes ópticas e sobre repetidores cuánticos, precisos para poder ampliar as distancias que pode abranguer a comunicación cuántica.
Así, todos estes traballos insírense, como salienta Curty e reflicte o gabinete de comunicación da UVigo, no eido da criptografía cuántica co obxectivo de “deseñar sistemas que explotan efectos mecánico-cuánticos da luz para achegar comunicacións incondicionalmente seguras”. A diferenza das técnicas de protección de datos que se empregan arestora, por exemplo, en Internet, ”pódese demostrar que os sistemas de criptografía cuántica proporcionan seguridade absoluta”.
En canto a obxectivos marcados, Curty sinala que esta rede quere servir de banco de probas para diversos prototipos de criptografía cuántica desenvolvidos por estas empresas. “Deste xeito pódense avaliar as súas prestacións e estabilidade reais nunha rede práctica”, explica o investigador vigués que engade que “se poden probar distintas aplicacións destes sistemas como, por exemplo, sistemas de vídeo-conferencia ou de transmisión de datos incondicionalmente seguros”. Máis recentemente estase traballando tamén na seguridade de dispositivos móbiles, para garantir a seguridade das comunicacións con telefonía móbil. “Isto pode ser especialmente relevante para os futuros sistemas de pagamento con estes dispositivos”, subliña Curty.
De falarmos de atrancos, o principal problema é o custo, polo que os expertos apuntan a que serán principalmente gobernos e hospitais os clientes potenciais prioritarios.
A criptografía cuántica chega a Vigo da man de dous expertos do Xapón
Compartir Este Artigo
