Tras a desaparición da aplicación oficial Popcorn Time, o fork máis popular desta coñecida plataforma de reprodución de contidos audiovisuais a través de P2P (alcumado por algún como “o Netflix de BitTorrent”) conseguiu marcar varios fitos como estrear aplicación para Android e engadir soporte para Chromecast, facendo cada vez máis accesible este método de consumir películas e series de televisión en versión orixinal con subtítulos, e para continuar na mesma miña ofreceu hoxe unha revolucionaria aplicación para iOS, que sorprende especialmente por distribuírse cun instalador que é capaz de funcionar dende PC con dispositivos móbiles de Apple que non teñan jailbreak, de xeito que practicamente calquera usuario pode instalar a aplicación sen que a mesma fose autorizada para a súa publicación na App Store.
Sobra dicir que instalar unha aplicación non autorizada é un risco evidente, e córrese o risco de colar software malicioso nos nosos dispositivos, pero os usuarios máis ousados estarán encantados de saber que poden introducir no seu iPhone ou iPad aplicacións como Popcorn Time sen ter que desbloquear o seu dispositivo para tal fin, o que nas vindeiras semanas podería chegar a outras aplicacións, polo que é de agardar que Apple tome algún tipo de medida para evitar este tipo de instalacións non autorizadas que incluso podería fomentar a piratería de aplicacións para iOS.
A aplicación de Popcorn Time para iOS non só permite reproducir películas e series de televisión dende os nosos dispositivos móbiles de Apple, senón que tamén integra compatibilidade con Chromecast e Airplay, facendo doado levar os contidos achegados da Rede ao noso televisor, o que podería considerarse como unha grande ameaza para as produtoras audiovisuais, que vén nesta plataforma de consumir contidos dun xeito demasiado cómodo para ser un servizo de balde sobre o que resulta extremadamente complicado exercer medidas de control, por depender de redes P2P e de software con código publicado (o que facilita a súa replicación inmediata no caso de que se procurase bloquear algunha das aplicacións de reprodución desta plataforma).
Popcorn Time xa pode instalarse en dispositivos con iOS sen jailbreak
Compartir Este Artigo

