Esta semana MEGA retirou as ligazóns para poder descargar a emerxente aplicación Popcorn Time, que servía para ver películas en streaming en alta definición con subtítulos a través de BitTorrent, e finalmente esta plataforma que moitos definían como o Netflix pirata, bota o peche asegurando que “foi un experimento que chegou á súa fin”, amosando os seus responsables o orgullo polo conseguido durante meses de traballo, xa que conseguiron construír un equipos que desenvolveu un traballo que conseguiu destacar globalmente e conseguir unha importante presenza mediática.
Consideran que o mellor desta iniciativa foi agrupar moitas voces que criticaban as limitacións que a industria cinematográfica impón a numerosos mercados, entre os que se atopa o arxentino (onde nace a aplicación) e chegan a comentar como exemplo que o filme Algo pasa con Mary está considerado como unha novidade para os provedores de vídeo baixo demanda no seu territorio cando, se fose unha persoa, xa tería dereito ao voto en Arxentina.
Insisten en que a chamada piratería audiovisual non é un problema da xente, senón un problema de servizo, dando a impresión de que a industria fuxe da innovación e non quere resolver esa problemática. Reivindican así que sexa posible poder acceder a un catálogo cinematográfico por unha pequena cota mensual, como unha alternativa legal ás descargas que imperan na actualidade, que é algo que moitos norteamericanos poden experimentar, pero que queda lonxe da oferta que ten o resto do mundo.
Dende Popcorn Time comentan que verificaron catro veces que o seu proxecto era legal, pero ante a enerxía que precisa seguir co seu proxecto, rodeados de debates sobre piratería e copyright, con ameazas legais e numerosos movementos na súa contra preferiron pechar.
Cómpre destacar que esta iniciativa baseouse en código aberto, polo que pode retornar en calquera momento baixo outro nome e outros responsables, o que non sería de sorprender en vista da boa acollida que tivo unha solución de reprodución audiovisual baseada no P2P.
Popcorn Time bota o peche
Compartir Este Artigo

