
En canto ás candidaturas seleccionadas, son estas oito:
· Apparcar: Aplicación gratuíta para dispositivos móbiles que lles permite aos condutores localizar as prazas de estacionamento libres máis próximas ao seu destino e reservalas. Baséase nunha metodoloxía sinxela, semellante á empregada para a xestión de reservas de butacas en teatros ou cines. A ferramenta, que pode descargarse para iOS e Android, está a funcionar como proxecto piloto no concello de Compostela.
· Appentra: A súa misión é a de proporcionar ferramentas software de calidade que permitan o uso extensivo das técnicas de computación de alto rendemento (HPC) en todas as áreas de aplicación da enxeñaría, a ciencia e a industria. O seu traballo vai dirixido a empresas e organizacións que actualizan con frecuencia as súas aplicacións de cálculo intensivo en mercados coma o aeroespacial, automoción, enxeñaría civil, biomedicina ou químico.
· iCarto: Creada por membros do Laboratorio de Cartografía de Galicia, o seu obxectivo é o desenvolvemento e a aplicación das Tecnoloxías da Información Xeográfica (TIG) nos eidos da enxeñaría civil, do patrimonio e da cooperación e o desenvolvemento, entre outros. Desenvolven e aplican metodoloxías e programas para a captura, tratamento, análise e representación de datos xeoespaciais.
· Netex Learning: Adicada á aplicación das novas tecnoloxías ao mundo da formación, traballa para dar resposta aos novos retos e necesidades formativas mediante solucións tecnolóxicas innovadoras. Un dos seus últimos proxectos é T-Didacta: dispositivos intelixentes de axuda ao ensino baseados en técnicas de Learning Analytics, que pretende resolver todos os problemas derivados da utilización de tabletas e contornas dixitais de aprendizaxe nas aulas de xeito integral.
· Qubitia Solutions: Desenvolvedora dunha plataforma de software para producir e monitorizar, en tempo real, todo tipo de algoritmos e estratexias de investimento e cobertura para a contorna dos mercados. O obxectivo é darlle resposta á necesidade das entidades de dispor ferramentas que axilicen e automaticen os seus procesos, reducindo tempos e aumentando a seguridade.
· Sixtema: O labor desta empresa compostelá baséase no desenvolvemento de servizos integrais relacionados cos Sistemas de Información Xeográfica, completando todo o ciclo da información, desde a recollida de datos ata a posta en marcha de xeoportais e solucións de mobilidade e xeolocalización.
· Teimas: Empresa de desenvolvemento software orientada a produto, que desenvolve a súa actividade no sector ambiental, centrándose no desenvolvemento de produtos ofrecidos como servizo.
· ViaVigo: Deseñado polo Consorcio Zona Franca de Vigo, este ecosistema para emprendedores busca, a través dun programa de aceleración para o desenvolvemento, darlles soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas. Durante un período aproximado de 18 meses, a iniciativa selecciona, forma e promociona os candidatos. O obxectivo é acompañar un grupo de emprendedores na maduración, financiamento e posta en marcha dos seus proxectos.
O Premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG xa ten oito candidatos preseleccionados
Compartir Este Artigo
