Vodafone presentou esta semana novas tarifas de contrato móbil que inclúen, como alicientes, unha achega extra datos (dende 900 Mb ata 8 Gb) co obxectivo de permitir aos usuarios tirar partido da tecnoloxía 4G, “cunha velocidade de ata 300 Mbps”, sinalou a operadora. As novas ofertas tamén engaden servizos como Voz HD e Backup+ en Dropbox, complementándose cun acceso a contidos audiovisuais de primeira liña (cinema, series e vídeo baixo demanda), a través de Yomvi de Canal +. As novas tarifas, ás que se engade tamén a música en streaming de Napster, pódense contratar dende o 20 de abril no número 1444 ou a través da web de Vodafone.
Os plans de prezo obxecto das ditas melloras son os seguintes: Rede, Smart e Mini Vodafone. As tarifas levan activado o servizo +megas, que segundo apunta Vodafone permite seguir navegando a máxima velocidade por 2 euros cada 200 Mb unha vez finalizados os datos da tarifa. “Este servizo pode ser desactivado polo cliente no momento no que o desexe, reducíndose a velocidade de novo”, explica a operadora, que engade que as novas tarifas posibilitan empregar aplicacións de voz sobre IP, co que poderemos chamar sen custe dende aplicacións diversas para tal fin.
Respecto dos prezos resultantes das renovadas modalidades, aumentarase un euro mensual en Mini S, Smart S, Smart M e Rede M (levando aparellado un aumento de 100 MB, 200 MB, 400 MB e 500 MB, respectivamente). Rede L sobe 3 euros a cambio de 1 GB máis e Rede XL sobe 9 euros a cambio de 2 GB adicionais e 100 minutos de chamadas internacionais.
Vodafone engade servizos e capacidade de datos ás súas novas tarifas
Compartir Este Artigo
