A Universidade da Coruña puxo en marcha os días pasados un espazo en liña para amosar do xeito máis directo e fiable toda a información relevante da institución académica e a as súas contornas. Falamos do Portal de Transparencia, unha achega que xorde “do compromiso de render contas das actuacións da Universidade e de entender que o deber dos seus representantes cara á transparencia pasa por seren conscientes da responsabilidade de dar unha información veraz e de libre acceso”, segundo informou o vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio Abalde.
Este sitio web, engade a UDC, cumpre cos obxectivos enmarcados na propia Lei de Transparencia de incrementar e reforzar a transparencia da institución, recoñecer e garantir o acceso á información como un dereito e establecer as obrigas de “bo goberno” ás que deben aterse aqueles que teñan responsabilidades públicas. Para a súa creación, explica a institución, “tivéronse en conta as áreas e indicadores recomendados pola Fundación Compromiso e Transparencia, así como os contidos e datos básicos que a organización Transparency International recomenda incluír nos portais de transparencia pública”. O sitio salienta en boa medida por ser moi sinxelo de empregar, abríndose informativamente cun número ben reducido de clics. A través do portal, cuns mínimos pasos, “pódese obter unha panorámica da situación universitaria”, sinalan os responsables do seu desenvolvemento.
O menú está composto por nove apartados: Misión e visión; Plan estratéxico; Persoal; Goberno; Oferta e demanda académica; Perfil académico e investigador do PDI; Estudantes; Información económica e Resultados. “Toda a información que se amosa neste sitio web é unha agrupación e resumo da información xa dispoñible na web da UDC”, engádese.
A Universidade da Coruña aposta pola información “veraz e libre” no seu Portal de Transparencia
Compartir Este Artigo
