A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acolle esta semana, os días 16 e 17 de abril, as primeiras xornadas Coñece a Galipedia na UDC. As actividades previstas contarán, entre outras cousas, cunha charla de introdución á edición da enciclopedia en liña galega e con accións máis específicas como por exemplo unha sesión de acceso aos segredos e potencialidades dos bots.
Tamén haberá un wikimaratón de artigos relacionados coa Universidade da Coruña e desenvolverase, asemade, a entrega de premios e a presentación dos traballos gañadores do concurso Wikinformática, dirixido a visualizar do papel da muller nas TIC entre os estudantes de secundaria.
O obxectivo desta actividade, sinalan fontes da FIC, é achegar a enciclopedia libre en galego “combinando unha xornada de portas abertas e un wikimaratón da Galipedia”.
Este proxecto está promovido pola Facultade de Informática da UDC, o colectivo de software libre GPUL e máis os responsables da Galipedia, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña.
Programa de actividades
Xoves 16 de abril
· 17:00-17:30 Introdución á Galipedia e á edición co Editor visual (Elisardo Juncal, Galipedia)
· 17:00-17:15 Planificación e distribución do traballo de edición
· 17:15-19:30 Edición dos artigos propostos ou doutros de interese para os asistentes
· 19:30-19:45 Avaliación da xornada
Venres 17 de abril
· 16:00-17:00 Entrega de premios e presentación dos traballos de Wikinformática
· 17:00-17:30 Introdución ó uso de bots na Galipedia (Roi Ardao López “Banjo“, Galipedia)
· 17:00-17:15 Planificación e distribución do traballo de edición
· 17:15-19:30 Edición dos artigos propostos ou doutros de interese para os asistentes
· 19:30-19:45 Avaliación da xornada
