Este luns a empresa TIC galega Plexus acollía nas súas instalacións aos mozos participantes do programa de emprendemento internacional Desafío Millennials, promovido por RedEmprendia, a Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas. No acto (que abriu actividades que se desenvolven ao longo destes días) estiveron presentes Antonio Agrasar (conselleiro delegado de Plexus) e Senén Barro (presidente de RedEmprendia) quen salientou a vocación innovadora de Plexus e a súa estreita ligazón coas universidades galegas. Emporiso, a firma foi seleccionada para o Desafío Millennials xunto con outras tres entidades: Banco Santander, Isban (do Grupo Santander) e a portuguesa do sector retail Sonae (con marcas como Worten, Hipermercados Continente ou SportZone).
Desafío Millennials é un programa de emprendemento deseñado para detectar e fomentar o espírito emprendedor entre os mozos universitarios de toda Iberoamérica, partindo da creación de equipos multidisciplinares e multinacionais para potenciar as sinerxías e avivar a creatividade. O programa seleccionou, para esta primeira edición internacional, a 100 universitarios procedentes de 7 países, organizados en 25 grupos, para que busquen solucións a catro desafíos reais asignados polas empresas participantes (Plexus, Sonae e Grupo Santander), que asemade lles achegarán formación e titorización.
E que achegarán estas empresas? Pois apoio e mentoría aos equipos de mozos asignados, cuxa tarefa consiste en buscar solucións aos desafíos reais propostos polas ditas empresas.
E volvendo a Plexus, o reto proposto pola empresa galega aos emprendedores consiste en deseñar e crear servizos innovadores encamiñados á comunidade universitaria e dispoñibles a través de dispositivos móbiles, cartelaría dixital e quioscos multimedia.
Logo das presentacións e da visita ás instalacións de Plexus levadas a cabo onte, hoxe daban comezo as primeiras sesións de traballo, dirixidas por expertos que comezaron a estudar e orientar as propostas dos emprendedores ao desafío lanzado por Plexus.
Emprendedores de ámbalas beiras do Atlántico afrontan en Santiago o Desafío Millennials
Compartir Este Artigo
