Hoxe tiña lugar a primeira Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industrial, un encontro que serviu de escaparate aos 110 autómatas que formaron parte desta iniciativa organizada pola dirección do centro en colaboración coa sección de estudantes do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) da Universidade e na que participaron máis de 500 alumnos e alumnas de 37 centros educativos de ensino secundario de toda Galicia.
Segundo informaba a Universidade de Vigo, este concurso, nado coa vontade de fomentar o interese polos estudos de enxeñaría entre os máis novos, superou todas as expectativas da organización. Divididos en dúas categorías, WALL-E, para matriculados en ensino secundario obrigatorio e bacharelato, e R2D2, para os de formación profesional e titulacións universitarias, ao final houbo premios para todos os robots que alcanzaron as maiores puntuacións finais e tamén para o máis orixinal. E indo ao miolo da xuntanza, cada un dos equipos participantes (de cinco alumnos cada un) contaba cun robot: “Fómolo creando pouco a pouco a partir dun kit básico achegado pola organización ao inscribirte”, explica Delia Alfonso, alumna de 3º da ESO do IES A Sangriña da Garda, e creadora xunto aos meus compañeiros Néstor, Santi e Elsa de TecnoSang, un robot con feitura de furgoneta.
Dende o IES Terra de Turonio de Gondomar: Alma, Natalia e Roi, alumnos de 2º da ESO construíron a Tropicali, un robot de cores. “Crealo foi moi divertido, non nos resultou especialmente difícil, iso si, o máis complicado foi pórlle as roscas e programalo”, explicou Alma.
A competición daba comezo a media mañá coa realización de diferentes probas. Primeiro un rastrexo individual no que cada robot tiña que seguir un percorrido marcado no chan con cinta adhesiva. “Tivemos que dar unha volta completa ao circuíto o máis rápido posible”, explicaba César Pascual, do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, gañador desta proba. “Cando montamos o kit o que fixemos foi modificar a posición dos sensores porque despois de diferentes probas comprobamos que así ían mellor e nas curvas xiraba de maneira máis progresiva”, apuntaba o alumno.
A Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo estreou competición de robots
Compartir Este Artigo
