O 29 de abril vaise celebrar no Centro Demostrador TIC (Santiago) a xornada Se tes unha idea, queremos traballala contigo, unha cita da multinacional IBM cos nosos profesionais e emprendedores para que coñezan o xeito de traballar e facer tecnoloxía da histórica compañía TIC e, por outra banda, para que amosen cadanseus proxectos tecnolóxicos con vistas a seren incluídos no programa de apoio ao emprendemento de IBM. A sesión, que vén da man de AMTEGA, desenvolverase en horario de 16.00 a 20.00 horas.
Trátase, en palabras da axencia, “dunha actividade coa que se pretende dar a coñecer ás persoas asistentes a tecnoloxía que IBM pon a disposición das startups, desenvolvedores, universitarios etc., así como as axudas que ofrece cos seus distintos programas no contorno da computación na nube”. Segundo engade AMTEGA, outra das finalidades de IBM é “ter coñecemento das empresas que forman parte do ecosistema tecnolóxico de Galicia e analizar como darlles valor aos clientes”.
Como dixemos, a actividade está dirixida a startups (empresas con menos de cinco anos), emprendedores e universitarios con ideas de empresas de alicerce tecnolóxico. IBM será a encargada desta sesión demostradora, que inclúe unha sesión de traballo colaborativo prevista para o final do encontro, no que as persoas interesadas, previa cita, poderán falar co equipo da empresa.
IBM empraza aos emprendedores galegos no Centro Demostrador TIC
Compartir Este Artigo
