O Centro Comercial Arousa de Vilagarcía desenvolverá este xoves, de 17:30 a 20:00 horas, no primeiro andar, a segunda e última sesión de Robótica Creativa, un obradoiro orientado a potenciar as competencias tecnolóxicas e a promover a innovación entre os nenos de 6 a 12 anos, favorecendo “a súa curiosidade natural, a habilidade para resolver problemas, o pensamento ordenado e o traballo en equipo”, sinala a organización. A actividade achegaraos á ciencia a través da creación de pequenos xoguetes robóticos móbiles que, en palabras dos impulsores da actividade, axudaranlles a comprender o comportamento da electricidade e a descubrir e asimilar os principais fenómenos eléctricos.
Máis polo miúdo, as nenas e nenos participantes experimentarán e xogarán con diferentes materiais reciclados, dende madeiras a cartóns, pasando por plásticos. Ademais, engaden os organizadores, “botando man de baterías, pilas ou motores, comprobarán que hai elementos que deixan pasar a electricidade de xeito doado (condutores) e outros que non (illantes), ou por que as cargas opostas poden atraerse e as de igual polaridade repélense”.
A actividade durará dúas horas e media, e ao longo delas os nenos terán oportunidade de iniciarse na robótica de man de monitores expertos con formación técnica en Robotilab. A participación das cativas e dos cativos non se limitará, segundo informa a organización, á de seren “meros usuarios”, senón que tamén farán de creadores de tecnoloxía. De feito, “permitiráselles entender o funcionamento dos aparellos eléctricos e absorber conceptos complexos de forma sinxela”.
O Centro Comercial Arousa desenvolve este xoves a súa sesión de Robótica Creativa para a nenez
Compartir Este Artigo
